A Etapa Contemporánea III
O Ensaio entre dous séculos
O ensaio económico

O salto nos estudos económicos na Galiza dos últimos lustros non veu acompañado dunha produción ensaística preocupada na caracterización e conceptualización da economía galega. A diferenza do acontecido nos anos setenta coas achegas de Xosé Manuel Beiras e Ramón López Suevos, definíndoa o primeiro a formación social galega como unha economía atrasada e caracterizándoa o segundo como unha colonia, as aproximacións de conxunto das décadas seguintes responden máis a unha vontade divulgativa ou de carácter didáctico. Neste liña, situaremos traballos como Estrutura económica de Galiza de Xaquín Fernández Leiceaga e Edelmiro López Iglesias, un e outro docentes da USC, Economía de Galicia de Albino Prada, autor que xa se dera a coñecer en 1979 con A outra economía galega ou Galicia unha economía europea , realizado en parcería por Prada e Santiago Lago.

O peso do sector agrario na economía galega ten o seu correlato na cantidade de estudos sobre a materia. O proceso vivido nas últimas décadas, concretada na acelerada redución da súa importancia macroeconómica tanto en termos de emprego como de produción e por conseguinte nun acelerado declive, provocou unha das transformacións máis decisivas da nosa sociedade. O tempo transcorrido veu certificar aquelas análises máis críticas co modelo europeo formuladas a finais dos setenta e mediados dos oitenta por autores como López Garrido ou López Suevos, onde sinalaban que as orientacións da política agraria comunitaria non respondía ás necesidades obxectivas de desenvolvemento autosostido. Nesta liña situaremos as investigacións dalgúns economistas como Edelmiro López Iglesias, Bernardo Valdes Paços ou Mar Pérez Fra cuxo campo central de traballo segue a ser o complexo gandeiro pero que se teñen achegado na súa análise a outros aspectos da actividade agraria. A importancia que ten tomado o sector forestal ou o vitivinícola foi acompañada de significadas achegas sobre os mesmos, entre as que sinalamos as contribucións e Albino Prada, Xoán Picos ou o volume O monte galego , coordinado por Alberte Blanco Casal.

 

A longa tradición ensaística sobre o noso complexo pesqueiro, con referencias inescusábeis como Valentín Paz Andrade ou Domingo Quiroga, dará un salto adiante coa aparición dunha nova fornada de economistas formada arredor da Facultade de Económicas de Compostela. Algúns destes autores, entre os que referimos a Fernando González Laxe, Xulio Pardellas, Manuel Varela ou María do Carme García Negro, cuxos primeiras achegas se deron a coñecer a finais dos anos setenta, seguiran determinando a análise nesta materia até os tempos actuais. Sinalaremos particularmente as contribucións de María do Carme García Negro, principal impulsora destes traballos no marco da USC, onde analiza ás características específicas dos procesos de produción na pesca, cos seus momentos de crecemento malia os límites impostos, significando o papel da integración comunitaria, deseñada para impedir o medre do sector e que só foi sobrelevada polas fortalezas internas.

María do Carme García Negro.

 

A industria e o seu papel no crecemento económico, no desenvolvemento, na innovación, na mellora do benestar ou mesmo no aspecto crucial do cambio social, foi tamén preocupación analítica para os economistas galegos. Sinalaremos fora do ámbito académico, as achegas de Xosé Díaz sobre o sector naval e enerxético, destacando no espazo universitario as contribucións, entre outros, de Xaquín Fernández Leiceaga, Albino Prada e Xavier Vence. O primeiro, formado na USC baixo a orientación de López Suevos, ten centrado as súas primeiras investigacións no papel do capital estranxeiro na industrialización do país, asumindo nas súas conclusións que o noso complexo industrial está determinado polo papel que xoga Galiza no contexto estatal e europeo. O segundo, autor en 1979 dunha orixinal caracterización da economía galega partindo dunha tradición heterodoxa do marxismo, centra os seus traballos na análise crítica do crecemento e desenvolvemento rexional, así como nos aspectos ambientais e sociais do mesmo. O terceiro, na liña iniciada por Xosé Manuel Beiras, desde os ensaios iniciais sobre a dinámica do emprego, ocupase das políticas de innovación ao tempo que disecciona criticamente as lóxicas neoliberais, no ámbito nacional e europeo.

 

As balanzas fiscais, o modelo de financiamento e a fiscalidade son obxecto de vivas discusións na nosa sociedade e tamén no ámbito ensaístico. Os estudos sobre as balanzas fiscais agochan un debate de fondo en termos ideolóxicos e políticos sobre as potencialidades económicas de Galiza e por conseguinte da súa capacidade para vivir libremente sen necesidade das esmolas estatais. Así, fronte a visión oficialista de orientación españolista, representada de xeito claro nas teses de Santiago Lago, Xosé Díaz , continuador da liña xa iniciada por Alexandre Bóveda, clarexou no seu volume As contas que nos contan. As balanzas fiscais como ideoloxía recentralizadora as intencións destes mecanismos contábeis, como instrumentos teóricos de carácter ideolóxico co obxectivo de xustificar o modelo unitario e o proceso recentralizador. As conclusións de Díaz volven a poñer negro sobre branco algunhas das cuestións xa sinaladas pola nosa tradición económica, expulsados da análise académica nas últimas décadas, como o espolio de Galiza, significado na drenaxe do aforro, na expatriación dos recursos enerxéticos ou nun modelo de estado centralista que favorece o efecto sé.

Xosé Díaz

 

O despoboamento, a emigración, a pobreza e a exclusión social ou o papel das institucións financeiras son algúns dos aspectos que teñen marcado a nosa actualidade nos últimos anos. A primeiras das problemáticas mereceu a atención tanto desde o ámbito xeográfico como económico, significándose como novidade para o fenómeno migratorio en relación con outras épocas que esta desenvolveuse na última década nun ciclo regresivo da economía mundial. A lóxica neoliberal que guiou as políticas públicas nas tres últimas décadas e a aplicación da austeridade como orientación para xestionar a actual crise do capitalismo, favoreceu un aumento na concentración do capital, o aumento da desigualdade e a ampliación da pobreza, aspectos que teñen merecido a atención, entre outros, de Iago Santos, Ánxela Troitiño ou Coral del Río. A desaparición do sistema financeiro galego no marco dun proceso de concentración do sector, de bancarización e privatización das entidades, animou o debate sobre un cuestión chave para a economía do país, sinalándose para este tema as achegas de autores como Ramón Yañez Brage.

 

Os estudos de historia económica presentan uns resultados desiguais. Sinalaremos en primeiro termo as achegas de Xoán Carmona, que reconstrúe e desvela os factores endóxenos e esóxenos que explican os procesos vividos pola economía galega durante as dúas últimas centurias, momento no que se produce a inserción dependente da economía galega no espazo capitalista mundial e estatal. A busca das raíces do atraso, ligado a incorporación subordinada do Reino de Galiza ao ámbito castelán, foi obxecto de atención por María Xosé Rodríguez Galgo nos seus primeiros estudos a finais dos anos setenta, centrando os seus traballos últimos tempos no estudo da emigración galega. Significaremos, para rematar, as contribucións de Luís Alonso Álvarez para a historia industrial, de Xesús Xiraldez para o conglomerado pesqueiro ou da escola agrarista da Facultade de Historia de Compostela para a Galiza rural.