As historias xerais de Galiza publicada nas últimas tres décadas son debedoras das liñas fixadas nos traballos editados nos momentos iniciais da I Restauración. Así, A gran historia de Galicia , financiada pola Fundación Caixa Galicia, editada polo xornal La voz de Galicia entre 2007 e 2008, coordinada e dirixida por Ramón Villares Paz e Xosé Ramón Barreiro Fernández segue metodoloxía, orientación e eixes centrais achegadas por estes autores en anteriores investigacións. Nunha dirección diferente, sitúanse a Historia de Galicia e a Historia xeral de Galicia , publicadas por A Nosa Terra en 1991 e 1997, herdeiras da Historia de Galicia promovida en 1979 pola Fronte cultural da Asemblea Nacional Popular Galega. A Historia xeral de Galicia , un autentico suceso editorial na Galiza do momento, elaborada por Francisco Calo Lourido, Anselmo López Carreira, Francisco Carballo, Bieito Alonso e Luís Obelleiro, significa o intento de explicar o pasado do país desde unha perspectiva alternativa e situado á marxe do relato histórico hexemónico dirixido á xustificar o réxime autonómico.
A carón destas historias xerais debemos sinalar as investigacións de conxunto sobre diversos aspectos da nosa realidade. Á marxe daqueles traballos que foron ou serán tratadas noutros apartados da publicación, sinalaremos diversas monografías sobre a historia das mulleres, a educación, o cinema ou a prensa. Así, para as primeiras descaremos as publicacións de Aurora Marco e a Historia das mulleres en Galicia editada por Nigra Trea e a Xunta de Galiza coa participación de Mar Llinares, Carme Pallares, Ofelia Rei e Herminia Pernas. Para a historia da educación as contribucións de Antón Costa, Xosé Manuel Cid ou Vicente Peña, para o cinema o Dicionario do Cine en Galicia elaborado polo CGAI ou O cine en Galicia de Xosé Nogueiras e para prensa os estudos de Margarita Ledo ou Xosé Ramón Barreiro.
A prehistoria segue sendo obxecto dunha viva e rica controversia situada arredor do carácter céltico de Galiza. Seguindo a liña de negación do celtismo, iniciada na década dos cincuenta polo profesor Carlos Alonso del Real, unha serie investigadores enunciaron o concepto de cultura castrexa para referirse a civilización que se desenvolveu no pais desde finais da Idade de Bronce e comezos do século I. Neste liña signifícanse as achegas de Antonio de la Peña Saavedra, con contribucións fundamentais para o estudo da arte rupestre e dos petróglifos, ou Francisco Calo Lourido, autor de traballos como A cultura castrexa ou os Celtas. Unha revisión dende Galicia . Nunha orientación diferente, na tradición comezada por Manuel Murguía e Benito Vicceto e continuada por Florentino López Cuevillas, outros historiadores, entre os que atopamos a Rosa Brañas, André Pena Graña ou Branca Fernández Albalat, afirman o influxo céltico na conformación da realidade galega. A medio camiño entre uns e outros, sitúanse os traballos de Filipe Senén López, recollidos en obras colectivas ou en volumes como Os primeiros galegos: prehistoria e arqueoloxía de Galicia
Os celtas. Unha revisión desde Galicia, Francisco Calo Lourido
Os traballos sobre a Idade Antiga recibiron un forte impulso nas últimas décadas. As tradicionais reservas da nosa tradición historiográfica sobre este período, derivadas dunha concepción que tendía a limitar a influencia da romanización en Galiza, impediron analizar na súa xusta medida a importancia do país neste tempo histórico e o seu importante desenvolvemento cultural. A esta nova interpretación dos séculos iniciais da era cristiá teñen contribuído as investigacións dunha xeración educada na Facultade de Historia de Compostela arredor de Alberto Banil e no Instituto Padre Sarmiento baixo o maxisterio de Bouza-Brey así como doutros autores de formación filolóxica. Sinalaremos, entre os primeiros, a Fernando Acuña Castroviejo ou Filipe Arias Vilas, autores de cada súa monografía sobre esta etapa, destacando, entre os segundos, as contribucións de Xosé Eduardo López Pereira, cuxos traballos, entre os que citamos O primeiro espertar cultural de Galicia ou “Exeria” , dan medida do desenrolo de Galiza no momento.
As achegas arredor da Idade Media non teñen acadado entre nos o desenvolvemento doutras áreas do Estado. A historiografía académica, subsidiaria dun proxecto político destinado a uniformización e centralización do Estado, ten procedido a unha reelaboración do noso pasado que permita un encaixe non problemático da nosa nación no espazo español. Á cabeza desta corrente, atopamos os traballos de Ermelindo Portela Silva e Carme Pallares Méndez, cuxa obra, unhas veces en solitario e outras en parcería,esfórzanse en presentar a Galiza como un mera extensión do reino leonés ou castelán. Noutra liña, situamos aquelas investigacións xurdidas fora do ámbito universitario, cuxas conclusións veñen a afirmar a existencia de Galiza como reino independente durante dez séculos, o seu papel reitor na area cristián peninsular até o século XIII e o seu decorrer vital practicamente soberano até o século XV. Significamos nesta orientación, os traballos de Camilo Nogueira Román, Xosé Antonio López Teixeira e moi especialmente de Anselmo López Carreira, autor dunha abondosa produción entre a que destacaríamos O reino medieval de Galicia .
A Idade Moderna merece a atención dalgúns dos historiadores máis relevantes da Galiza actual. As investigacións das últimas décadas veñen dar continuidade ao camiño de renovación iniciado a comezo dos oitenta, onde se da o salto dunha atención, case exclusiva, á conxuntura económica e aos comportamentos demográficos para atenteder tamén os traballos sobre a inserción de Galiza no espazo peninsular, a industria rural, o comercio colonial ou a historia das mentalidades. Neste sentido, resultan decisivas as achegas de Pexerto Saavedra, sinalando entre estas A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850 ou A facenda real na Galicia do antigo réxime , comprometido cunha visión de Galiza como realidade histórica diferenciada. Á beira tamén da Universidade de Compostela debemos sinalar os traballos de autores como Ofelia Rei ou Isidro Dubert, significando ao tempo as importantes contribucións de Francisco Carballo, fortemente influído polo maxisterio de Vicens Vives e Pierre Villar.
Francisco Carballo.
A Idade Contemporánea atesoura o groso do edificio historiográfico galego das últimas tres décadas. Se ben os impulsores dos estudos agrarios en Galiza formáronse na escola annalista-ruralista do departamento de Historia Moderna da universidade compostelá, as achegas deste grupo tense centrado no período contemporáneo, centrándose fundamentalmente nas peculiaridades do réxime de propiedade galego, nas estruturas produtivas, na articulación dos movementos sociais e no proceso de mudanzas na sociedade rural nun ciclo longo que arrinca do Antigo Réxime. A figura senlleira desta escola é Ramón Villares, cunha abondosa produción sobre o tema, sinalandose entre os seus discípulos historiadores como Xesús Balboa, Aurora Artiaga, Miguel Cabo ou Lourenzo Fernández Prieto, autor dunha revisión conceptual do concepto do atraso. Á marxe do ámbito universitario merecen unha mención particular os traballos pioneiros de Xosé Antonio Durán sobre a mobilización e organización social no rural galego.
A historia política segue a ser debedora a trazos grosos das orientacións marcada nos anos finais do franquismo e nos albores da II Restauración. Sinalaremos para o século XIX as achegas de Xosé Ramón Barreiro ao estudo do carlismo, onde analiza a causalidade específica que explica a súa ausencia de apoio entre os labregos, os traballos arredor de liberais e absolutistas, os estudos sobre a guerra do francés, a biografía de Manuel Murguía e a súa investigación sobre a revolución de 1846, na que é debedor dos traballos previos de Tettamancy. O camiño encetado por Barreiro ten continuidade nas investigacións de Xosé Ramón Veiga Alonso, botándose en falla actualmente máis publicación sobre un período chave para comprender a situación actual da Galiza.
As contribucións das dúas últimas décadas racharon co silencio existente arredor dalgúns dos movementos sociais e políticos máis relevantes do século XX. Así para o movemento obreiro precisouse dos traballos precursores elaborados fora da universidade por Dionisio Pereira e González Probados, continuados en datas máis recentes por autores como Eliseo Fernández, Xosé Gómez Alén ou Antonio Míguez Macho. Outro tanto aconteceu coas investigacións sobre o sistema de partidos, significándose neste caso as achegas de Emilio Grandío ou Xulio Prada para a dereita, González Probados para o socialismo, Carlos Velasco e máis unha vez Grandío para o republicanismo, Víctor Santidrán para o PCE e outra volta Dionisio Pereira e Eliseo Fernández para o conglomerado libertario.
O movemento nacionalista merece unha consideración particular dada a cantidade de achegas producidas sobre o tema. Sinalaremos en primeiro termo a abondosa produción de Xusto Beramendi, significando a edición da obra política de diversos vultos do nacionalismo, continuando con varias ducias de monografías e artigos e concluíndo coa súa monumental historia do nacionalismo baixo o título De provincia a nación . Significaremos tamén no ámbito académico, os traballos de Xosé Estevez, Xosé Manuel Núñez Seixas e máis recentemente Uxío Breogán Diéguez. Porén a maior parte das publicacións sobre esta temática seguen a realizarse fora do ámbito universitario, acadando destaque entre estas as achegas de Ernesto Vázquez Souza ás Irmandades da Fala e Anxel Casal.A celebración do centenario das Irmandades da Fala deu un importante pulo aos estudos sobre o nacionalismo, aparecendo contribucións que viñeron a dar luz sobre aspectos aínda non estudados, se ben non resolveron as lagoas existentes para o primeiro provincialismo, a época de Solidariedade Galega e o nacionalismo contemporáneo.
Xusto Beramendi
A década dos noventa situou na axenda historiográfica un eixo de investigación até altura ausente nos nosos estudos históricos. Se ben os primeiros estudos de carácter non memorialístico ou propagandístico sobre a represión exercida polo franquismo en Galiza remóntanse aos primeiros oitenta non será até a década posterior cando estes acadan a relevancia actual. A carón dos traballos pioneiros de Harmunt Heine e Bernando Máiz, atopamos as monografías de carácter local e comarcal, como as de Carlos Nuevo para A Mariña, Xoán Carlos Garrido para Tabeirós, Xosé Álvarez para Pontevedra ou Xesús Torres para Betanzos, aparecendo máis tarde as monografías sectoriais, caso das de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández para o anarquismo e a de Xosé Ramón Ermida para o nacionalismo. As universidades galegas non se incorporarían a esta tarefa até os primeiros anos do século XXI, coa excepción de Xulio Prada no campus de Ourense, María Xesús Souto no de Lugo, Carlos Velasco na Universidade d´A Coruña e o proxecto HISTORGA en Compostela. A preguiza dos centros de ensino superior sobre o tema, derivada das implicacións políticas que tiña esta liña de traballo na impugnación do réxime de 78, só será rachado co lanzamento proxecto “Nomes e Voces” impulsado pola Consellaría de Cultura do goberno bipartito dirixida polo BNG.