A Etapa Contemporánea III
O Ensaio entre dous séculos
O ensaio sociolingüístico

Os estudos sociolingüísticos na Galiza autonómica son debedoras das grandes liñas de análise xa enunciadas nos anos finais da década dos setenta. A publicación en 1976 de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, libro da autoría de Francisco Rodríguez , achega unha interpretación do problema lingüístico ligado ao contexto político-económico en que se produce, explica o asimilacionismo lingüístico e cultural como consecuencia do imperialismo político, sitúa a orixe do conflito lingüístico en causas esóxenas e rexeita a alternativa bilingüista por partir dunha análise acientífica que obviar completamente o problema político de fondo. A proposta de Rodríguez, xurdida nun primeiro momento como resposta as teses defendidas por Alonso Montero no Informe dramático sobre la lengua gallega en 1973, represa un antes e un despois nos estudos sociolingüísticos en Galiza que terá continuidade en diversas obras posteriores.

Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza,  de Francisco Rodríguez.

 

Os momentos iniciais do réxime autonómico significan a institucionalización do bilingüismo diglósico como norma. A política dos primeiros gobernos da autonomía destinada á burocratización do idioma e a desatención á súa normalización social, veu poñer couto á acción das forzas normalizadoras, sinalándose nesta orientación o Decreto de Bilingüismo de agosto de 1979, que na práctica pon condicionantes e limitacións ao ensino en galego e actua como un instrumento legal para a acción represiva contra as iniciativas normalizadoras que xa se estendían por todo o país, dando pé a toda unha restra de denuncias e represalias contra o alumnado e o profesorado que mantiñan unha práctica galeguizadora. A impugnación dese deseño lingüístico, derivado da Constitución de 1978 e cuxa clave de bóveda será a Lei de Normalización Lingüística aprobada en 1983 tras a expulsión dos parlamentarios do BNG, será contestado por autores como Francisco Rodríguez e Pilar García Negro, fronte a outras posicións, como as de Alonso Montero que afirma na altura que Galiza dispón marco legal que permite e propicia a defensa do idioma.

 

A afirmación do isolacionismo como teoría académica oficial e a consideración do galego e portugués como linguas diferentes por primeira vez na historia dos estudos lingüísticos en Galiza é outra das novidades da primeira etapa da autonomía. A resposta á oficialidade procederá dunha das grandes referencias nos estudos filolóxicos no país, Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático de Filoloxía Galega da Universidade Galega, quen no tocante á normativización da lingua, apostará polas teses do reintegracionismo do galego no seu tronco orixinario galego-portugués, e no que atinxe á normalización do idioma e á denuncia do bilingüismo como práctica social. A abondosa produción bibliográfica de Carvalho Calero , entre a que citaremos Problemas da lingua galega , Da fala e da escrita , Do galego e da Galiza ou Unha voz na Galiza , denuncia o status subsidiario que os poderes públicos lle asignaran ao galego coa nova lexislación, caracteriza o marco normativo vixente como “trampa farisea" ao non fixar a obrigatoriedade do coñecemento do galego e critica ao bilingüismo social. Ao tempo, desde o campo do reintegracionismo, sinaláronse outras achegas como as de Ramón López Suevos, no seu traballo Dialéctica do desenvolvemento: naçom, língua, classes sociais .

 

O tempo político do fraguismo marcará un novo panorama para a lingua galega caracterizado por un tratamento aparencial do idioma que na practica conduce a súa morte por inanición. Será precisamente nos seus anos iniciais, cando Pilar García Negro , na orientación iniciada por Francisco Rodríguez, dá ao prelo algúns dos textos fundamentais dos nosos estudos sociolingüísticos, significándose entre eles O galego e as leis. Unha aproximación sociolingüística , onde a profesora da Universidade d´A Coruña, analiza as relacións entre a lingua e a sociedade, clarifica desde unha perspectiva desmitificadora o bilingüismo, a diglosia e monolingüísmo, a presenza do galego no ensino, as alternativas para o galego na década dos setenta, a interpretación do conflito lingüístico e a súa alternativa, e, por último, a lexislación lingüística actual e os seus antecedentes. As conclusións de García Negro, rematan por confirmar, que o marco político vixente representa un atranco aos esforzos normalizadores, que a súa natureza era restritiva co galego e que, a súa finalidade, no tocante ás linguas, era a de non permitir que os idiomas nacionais camiñasen cara á súa normalización plena.

O galego e as leis. Aproximación sociolingüística,  obra de María do Pilar García Negro.

 

O longo período político de Manuel Fraga á fronte da Xunta de Galiza decorrerá de xeito parello a un forte impulso dos estudos sociolingüísticos. Sinalaremos en primeiro termo, os traballos promovidos desde a troica conformada pola Universidade de Compostela, o Instituto da Lingua e o Consello da Cultura, cuxo representante máis autorizado é Henrique Monteagudo, caracterizados polo seu carácter descritivo, a súa vontade cognitiva, a súa dedicación as enquisas cuantitativas de campo e que baixo un aparente cientificismo serviron de fundamento ás políticas lingüísticas do goberno galego. Nunha dirección diametralmente oposta situamos as achegas de Xosé Ramón Freixeiro Mato , autor dunha significada bibliografía sobre a materia, da que destacaremos Lingua galega: normalidade e conflito e Lingua, nación e identidade , onde vincula a existencia de Galiza á da lingua, ligando o desenvolvemento económico e benestar social da nación á saúde do idioma. Referiremos, por último, as importantes co

Xosé Ramón Freixeiro Mato.

ntribucións de Celso Álvarez Cáccamo, profesor como anterior da Universidade da Coruña, é autor dunha orixinal interpretación do noso problema lingüístico, cuxos primeiros traballos se remontan xa aos anos oitenta.

 

A chegada de Alberte Núñez Feixoo ao goberno galego irá acompañado dunha mudanza na práctica e discurso lingüístico, sustentado agora nunha inversión da realidade no que o uso cada día máis minguado do galego é presentado como resultado dunha imposición. As orixes deste discurso debemos situalo na ofensiva ideolóxica que acompaña a política centralizadora levada adiante polos gobernos de Aznar e concretada en Galiza polas medidas da Xunta de Feixoo contra idioma galego. Porén destas decisións xurdiría o máis importante movemento social da nosa historia contemporánea en defensa da normalización do idioma, Queremos Galego, plataforma social impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que sería quen de mobilizar centos de miles de persoas en toda Galiza e mesmamente paralizar a actividade educativa contra a agresión perpetrada contra o galego. Ao fin, a loita, resultou ser o elemento definitório máis claro da confrontación entre o idioma nacional e o idioma estatal e a alavanca que posibilitou, por primeira vez para moitos galegos e galegas, o tomaren conciéncia do conflito lingüístico.

 

O alcance da agresión perpetrada polo goberno Feixoo impulsou necesariamente a produción sociolingüística. A un lado, aqueles que como Francisco Rodríguez, Pilar García Negro ou Freixeiro Mato, cuxas formulacións foron centrais na conformación e orientación de todo o movemento normalizador de Queremos Galego, achegaron argumentos para evidenciar a falacia da imposición do galego clarificando que era precisamente esta a lingua perseguida na Galiza. Noutro lado, as teses dos que defenden unha mudanza na liña de actuación dese movemento normalizador, no que sinalaremos as análises de Henrique Monteagudo, quen defende que as posicións mantidas por este separan aos galegos do seu idioma propio. No marco deste debate coñeceremos novas achegas ao estudos sociolingüísticos, uns cunha intención máis de intervención, entre as que destacaremos 55 mentiras sobre a lingua galega , promovida por Prolingua outras de reflexión teórica, significando entre estas as contribucións de Carlos Callón, na liña doutrinal iniciada por Francisco Rodríguez, ou Teresa Moure, cunha orixinal interpretación do noso conflito lingüístico.