A Etapa Contemporánea III
O Ensaio entre dous séculos
O ensaio literario

As grandes liñas de análise do sistema literario galego responden ás formulacións xa enunciados nos tempos de consolidación do réxime autonómico. Partindo da situación de anormalidade do sistema literario galego derivado da dependencia do país, Francisco Rodríguez considera os textos literarios como produtos históricos, suxeitos á propia dialéctica social, política e económica de Galiza e defende en consecuencia un aparello metodolóxico que teña en conta a realidade específica das literaturas non normalizadas. Nunha dirección oposta ás propostas de Rodríguez e dos investigadores da súa corrente, atopamos as achegas xurdidas no seo da Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela e asumidas como propias desde os círculos da oficialidade, caracterizadas por unha interpretación formalista da nosa literatura, desvinculada da realidade histórica na que xurdiu e explicada sen atender ao marco conflitivo no que se desenvolve.

 

As investigacións xerais sobre a nosa literatura publicadas nos últimos lustros seguen a ser debedoras destas dúas grandes orientacións. Así, na liña das teses adiantadas por Francisco Rodríguez e explicitadas en 1990 no seu libro Literatura galega contemporánea. Problemas de método e interpretación , debemos sinalar a Historia da literatura galega promovida pola AS-PG e publicada por Edicións A Nosa Terra coa participación de varias ducias de autores. Seguindo a orientación hexemónica no mundo académico compostelán cómpre referir a Historia da literatura galega publicada en 1999 por Dolores Vilavedra en Galaxia e o Dicionario da literatura Galega , coordinado pola citada autora e promovido pola mesma editorial. Ao tempo, vimos aparecer outras achegas de conxunto, entre as que sinalaremos a Historia xeral da Literatura galega de Mercedes Queixas e Anxo Gómez, a Historia da literatura galega dada ao prelo en tres tomos por Xosé Ramón Pena ou os traballos de Anxo Tarrío . Neste sentido, significaremos as achegas de Xoán González Millán ao estudo da sistema literario galego após a morte de Franco e particularmente a súa vontade de definir un marco analítico tomando prestadas categorías do postestruturalismo ou da decolonialidade.

Capa da Historia da literatura galega da as-pg

 

Os traballos arredor da literatura medieval desenvólvense fundamentalmente arredor dos departamentos de galego e portugués das tres universidades galegas. Porén, a orientación historiográfica hexemónica nos ámbitos académicos sobre a Idade Media e a ausencia en moitos casos dunha contextualización histórica axeitada, seguen eivando a día de hoxe un parte da produción neste ámbito, dado que a nosa literatura medieval só e explicábel no marco do papel central do Reino de Galiza no espazo peninsular e europeo. Sinalaremos as contribucións realizadas desde a Facultade de Filoloxía da Universidade d´A Coruña ao estudo da lírica medieval, moi particularmente a través dos proxectos de investigación do Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa , Universo das cantigas ou Normas da edición para trobadoresca galego-portuguesa e os traballos dalgúns do seu profesores como Carlos Paulo Martínez Pereiro e Manuel Ferreiro . Signifícanse para o estudo da nosa prosa as novas achegas de autores como o José António Souto Cabo ou Ricardo Pichel, cunha suxestiva tese sobre a orixe da Crónica Troiana, así como algunhas achegas de Xosé Ramón Pena, Mercedes Brea ou Henrique Monteagudo. Hai achegas máis parciais, como as de Henrique Dacosta no seu Ferroláns na Historia da Literatura Galega

 

A evolución das publicacións sobre os Séculos Escuros presenta un resultado desigual. Mentres os traballos referidos aos séculos XVI e XVII seguen practicamente estancados, malia as descubertas dunha importante documentación notarial relativas ao período dos Reis Católicos e aos anos iniciais de Carlos V, o que fai pensar no seu correlato no ámbito da ficción, as achegas ao século XVIII acadaron un notábel desenvolvemento. Así, atopámonos con novos achados, que deron a coñecer nuns casos textos e autores descoñecidos, caso de Mariño Paz, Gonzalo Navaza ou Fernández Salgado para a poesía ou Camiño Noia e un grupo de investigadores da Universidade de Vigo para a prosa, e tamén de novas contribucións, como acontece con Pardo de Neira para Diego Cernadas. Ao tempo, signifícanse as contribucións ao estudo de Martín Sarmiento, sinalándose entre elas a de Pilar Allegue desde o ámbito filosófico, Antón Costa desde o pedagóxico ou Anxo Angueira desde o literario.

 

O Rexurdimento ocupa un papel chave nos estudos sobre o sistema literario galego. Sinalaremos en primeiro lugar, as contribucións de Francisco Rodríguez ao coñecemento da obra literaria de Curros Enríquez e de Rosalía de Castro así como á construción dun novo marco analítico e conceptual para explicar este período. A anteriores traballos iniciados na década dos setenta e oitenta entre os que referiremos A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez ou Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro , engadimos agora Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria , publicada con motivo do 125 aniversario da morte de escritora, onde desenvolve algunhas das teses xa formuladas, significando o carácter da súa obra como parte dun proxecto de desalienación colectiva dirixida a conformar unha conciencia nacional galega. Neste corrente de analise, situase tamén a produción de Pilar García Negro, recollida nos volumes O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo , Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura de Rosalía de Castro ou No tempo de Follas Novas, sinalando o sentido patriótico, feminista e protosocialista da produción rosaliana.

 

As últimas décadas foron testemuña de importantes investigación sobre outros autores do Rexurdimento . A obra de Eduardo Pondal mereceu a atención, entre outros, de Manuel Forcadela e Manuel Ferreiro, cuxas traballos son referenciais para o coñecemento da poesía do autor de Queixumes dos Pinos, destacando entre estes, Pondal: Do dandysmo á loucura, Eduardo Pondal, o cantor do eido noso , editado no centenario da súa morte, así como a edición crítica en cinco volumes da súa poesía completa, parte da cal permanecía aínda inédita. Se ben a poesía de Curros Enriquez tivo peor sorte, sendo significativo o silencio sobre a mesma, a produción de Valentín Lamas Carvajal foi obxecto de estudo por parte de Pilar García Negro, a figura de Manuel Murguía mereceu a atención entre outros de Xosé Ramón Barreiro nunha voluminosa biografía e a literatura feminina redescuberta por Celia Armas. Así, en relación cos epígonos, significase o traballo de Freixeiro Mato sobre Noriega Varela, Fernández Salgado arredor de Marcial Valadares ou Campos Vilar en relación Lugrís Freire.

 

As achegas ao estudo do Segundo Rexurdimento recibiu un forte impulso nos últimos anos. A celebración do centenario das Irmandades da Fala, movemento político xunto ao Partido Galeguista ao que estiveron ligados ou do que fixeron parte orgánica a práctica totalidade dos autores do período, favoreceu a aparición de novos traballos, a maioría das veces elaborados por persoas que xa se tiñan ocupado do tema pero tamén por novos investigadores. A produción en galego desenvolta entre 1916, ano da fundación das Irmandades da Fala, e 1936, momento do golpe militar fascista, xurde a carón e como unha extensión do movemento nacionalista, responde aos mesmo obxectivos políticos, signifícano autores que ocupan responsabilidades políticas de primeira orde tanto nas Irmandades da Fala como no Partido Galeguista, evidenciando que o sistema literario galego é consecuencia da contribución dun sector da nosa sociedade á liberación de Galiza.

 

Sinalaremos para este período os traballos de recuperación e divulgación da produción do momento, as monografías sobre algúns dos autores máis relevantes, as investigacións dos diversos xéneros literarios e os estudos arredor das máis significadas institucións culturais. Así, en relación co primeiro aspecto, referiremos ás antoloxías impulsadas desde a Academia, a recuperación da produción teatral do momento da man da Universidade d´A Coruña ou a divulgación entre grande público dos traballos dos seus grandes vultos, significando neste sentido as contribucións ao coñecemento da obra de Ramón Vilar Ponte levada adiante por Pilar García Negro, Blanco Echauri e Goretti Sanmartín. Para o segundo, referimos aos estudos de Manuel Rei sobre Castelao, de Emilio Insua sobre Antón Vilar Ponte, de Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio e Rafael Dieste, de Luís Rei sobre Cabanillas, de Carme San Xulián sobre Otero Pedraio e Ernesto Vázquez Souza sobre Anxel Casal. Sinalamos por último, as publicacións de Teresa López sobre a poesía , con especial atención as vangardas e ao neotrobadorismo e de Laura Tato ou Carlos Biscainho sobre o teatro.

 

As investigacións arredor da literatura galega durante o franquismo téñense centrado maiormente naqueles autores que se incorporaron ao sistema literario galego após a década dos cincuenta e aqueloutros que desenvolveron a súa actividade no exilio americano. Unha excepción neste panorama, é atención que seguen merecendo Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor, escritores dados a coñecer con anterioridade a 1936 pero que acadan a súa plenitude neste momento, de cuxa obra se teñen ocupado, entre outros, Francisco Rodríguez, Pilar Rus, Manuel Forcadela ou Henrique Costa. Entre os estudos de conxunto para o período resultan fundamentais as achegas de Xosé Manuel Maceira para a produción literaria no exilio americano ou de Camiño Noia e Manuel Forcadela sobre a nova narrativa. Significaremos por último, os traballos de Pilar Pallarés sobre Luís Pimentel, de Xoán Carlos Garrido sobre Ramón Piñeiro, de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro, de Camilo Gómez Torres e Mercedes Queixas sobre Manuel María, de Anxo Angueira sobre Xosé Luís Méndez Ferrín e Roberto Pascual sobre Manuel Lourenzo.

 

A literatura galega actual segue no camiño encetado a comezos da década dos oitenta após a falsa sensación de normalidade xerada tras a consolidación do réxime de 1978 e do seu capitulo autonómico, porén nos últimos tempos asistimos a determinados síntomas que parecen sinalar o esgotamento desa tendencia. A rica produción poética das tres últimas décadas, cunha atención cara os temas universais como o tempo, a morte ou a vida na xeración dos oitenta e unha volta ás identidades naqueles que se botaron a escribir no século XXI, foi estudada, entre outros, por Luciano Rodríguez, Miguel Mato Fondo ou María Xesús Nogueira. Outro tanto aconteceu coa narrativa e o teatro, contribuíndo de xeito importante a difusión, estudo e coñecemento da nosa literatura actual, tanto o labor do xornalismo cultural como o da crítica. Sinalaremos entre os primeiros, a xornalistas como Ana Romaní, Carme Vidal, Daniel Salgado, Rocío Castro, Santiago Jaureguizar, Camilo Franco ou Montse Dopico, significando entre as segundas, as achegas de Ramón Nicolás, mantedor do Caderno da Crítica, Armando Requeixo, en Criticalia, Mario Regueira , O porto dos escravos, Inmaculada Varela ou Montse Pena.