A posta en funcionamento no curso 1991/1992 da Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Compostela introduce unha importante mudanza no ensaísmo político en Galiza. Se até daquela a produción doutrinal era froito das necesidades da loita política e aparecían ligados a algúns dos máis importantes dirixentes das formacións do ámbito galego, a profesionalización da politoloxía fixo aumentar o número de publicacións e a nómina ensaística cuns resultados moi desiguais e na maior parte dos casos co escaso eco foro da esfera académica. As liñas de investigación nesta área estarán moi influídas polas achegas dos profesores Xosé Vilas Nogueira e Ramón Maiz, cuxas contribucións xa eran coñecidas nos finais dos anos setenta e comezo dos oitenta. A primeira, orientada nunha definición constitucionalista e liberal, nos antípodas ideolóxicos dos seus traballos iniciais, centrouse nos estudos sobre os sistemas electorais, o modelo político galego e as políticas públicas. O segundo, nunha posición emparentada coa socialdemocracia, deu continuidade ás investigacións sobre o nacionalismo pero rematou dirixindo os seus traballos a temáticas diferentes como a teoría do estado.
A produción doutrinal fora do ámbito académico mantívose a un nivel aceptábel pero condicionada por un tempo histórico pouco propicio ás teorizacións sistematizadoras e ao pensamento crítico. Algúns dos autores que na década dos setenta xa fixeran importantes achegas á doutrina nacionalista contribuíron con novos traballos, como acontece con Francisco Rodríguez, Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras, significándose nesta liña a publicación en tres tomos da obra política de Bautista Álvarez, un compendio imperdíbel que recolle toda o labor ensaístico dunha persoa que participa no proceso de conformación no nacionalismo dos últimos sesenta anos e cuxas análises foron decisivos na actualización e definición do seu corpo ideolóxico. Ás veces desde as marxes e outras desde dentro da actividade política, atopamos as contribucións de Manolo Barreiro sobre o PP da era Feixoo, de Carlos Taibo sobre os movementos antiglobalización, de Teresa Moure sobre o pensamento alternativo ou de David Rodríguez, un pensador de orientación marxista que impugna o modelo do réxime autonómico e o mito europeísta.
As conxunturas políticas críticas favorecen a actividade teórica pola necesidade de dar respostas a unha sociedade orfa dunha explicación do que acontece. Sinalaremos neste contexto os traballos arredor da cuestión europea, cuxo momento chave coincidiu co referendo do Tratado Constitucional de 2005, onde xurdiron diversas análises sobre o tema entre as que destacaremos as de Bernardo Valdés, nunha liña cuestiona a totalidade proceso da Unión. A resposta social a catástrofe do Prestigue e a conformación de Nunca Mais foi o punto de arranque dun importante número de traballos desde un enfoque multidisclipinar, significándose as contribucións desde o ámbito ambiental que viñan dar continuidade a unha tradición que arranca daqueles traballos de Ramón Varela sobre a enerxía nuclear ou as celulosas.
A preocupación pola política internacional non foi allea a nosa tradición ensaística. A esta labor dedicaron esforzos Plácido Castro no período republicano, xentes do grupo Galaxia como Ramón Lugrís nos anos 60 e Xosé Lois García ou Pedro Luaces na década dos setenta. Porén, será nos últimos anos, canto toma un impulso decisivo impulsadas polas posibilidades de información ligadas ás novas tecnoloxías e a posta en funcionamento de determinadas entidades sociais entre as que sinalaríamos o IGADI. Arredor deste centro pensamento, un dos máis influentes do Estado, Xulio Ríos, autor a comezos dos noventa de diversas obras sobre a crise e quebra dos países socialistas do leste europeo, abriu novas liñas de investigación centradas no mundo asiático e moi especialmente en China.