A Etapa Contemporánea III
O Ensaio entre dous séculos
O ensaio feminista

A perspectiva de xénero está presente con claridade na nosa tradición literaria desde o período do primeiro rexurdimento, onde é un exemplo evidente a obra de Rosalía de Castro, tendo continuidade na produción doutrinal das xentes das irmandades da Fala e acadando a súa maioría idade na segunda metade da década dos setenta. A elaboración teórica dese período, ligado aos primeiros pasos do movemento feminista, xurde ligado ás achegas daquelas mulleres que lideraban á loita pola igualdade efectiva. Nesta liña, sinalaremos as contribucións de María Xosé Queizán, fundadora da Asociación Galega da Muller e autora de Recuperemos as mans e A muller en Galicia , dúas obras chave na que desvela a cara feminina da colonización galega. Ao tempo, destacaremos as formulacións elaboradas desde a estrutura de mulleres da AN-PG, cun protagonismo de persoas como María do Carme García Negro, Manuel Fraguela, Teresa Conde Pumpido, Pilar Allegue ou María Xosé Agra, onde se recolle toda unha proposta programática para avanzar na emancipación de xénero. Nesta época, descóbrense tamén autoras cuxo papel no movemento feminista galego será decisivo, como acontece con Nanina Santos.

 

A incorporación dos estudos feministas ao ámbito académico non se producirá até comezos da década dos noventa. Nesta liña, significaremos a posta en funcionamento á volta de 1990 do proxecto de investigación Muller e cambio social en Galicia , dirixido por Rita Radhl, do que tamén facían parte Teresa Fernández Vázquez, María do Carme García Negro, Pilar Allegue, estas dúas con practica contrastada no feminismo desde a década dos setenta e onde debemos situar as orixes do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC. No ámbito da Universidade de Vigo, sinalaremos a creación da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas no curso 1999/2000, nacida co obxectivo de potenciar a investigación desde posicións teóricas feministas, onde participan pensadoras como María Xesús Fariña, Beatriz Suárez ou Purificación Mayobre.

 

As investigacións desde unha perspectiva de xénero viviron un grande desenvolvemento nas tres últimas décadas. Así no campo dos estudos literarios, sinalaremos as achegas de Pilar Pallarés ou Pilar García Negro sobre o carácter feminista da obra de Rosalía de Castro, os traballos de Carme Blanco, entre os que citaremos Literatura galega da muller, Escritoras galegas ou O contradiscurso das mulleres ou de Carme Pérez San Xulián. A medio camiño entre o ensaio histórico e literario, suposto que tamén se dá no caso de Carme Blanco , atopamos a obra de Aurora Marco , autora do Dicionario de mulleres galegas , Mulleres na guerrilla antifranquista galega ou Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras . A historiografía arredor das mulleres recibiu un importante empuxe desde dentro e fora do ámbito académico, significándose na esfera económica os traballos pioneiros de María do Carme García Negro e María Xosé Rodríguez Galgo.

 

A carón dalgunhas das iniciadores do ensaio feminista en Galiza que continuaron as súas contribucións ao longo do período, como acontece con María Xosé Queizán ou Nanina Santos, acadan a súa plenitude ou aparecen nestes anos novas autoras. Destacaremos en primeiro termo as achegas de María Xosé Agra, centradas na recuperación da memoria e do pensamento das mulleres en Galiza partindo da Ilustración e tamén na elaboración dunha teoría feminista crítica achegada a tradición nacionalista. Nunha nova orientación teórica situaremos os traballos de Teresa Moure, con influenzas de diversas escolas doutrinais, aposta polo desacato e a rebeldía como eixo de reflexión. Xa por último, destacaremos a produción de María Reimóndez , autora como anterior dunha abondosa produción literaria, e coautora con Olga Castro de Feminismos , e Carme Adán , filósofa e ensaísta con varios estudos sobre feminismo.

IMAXES