A Etapa Contemporánea III
O Ensaio entre dous séculos
O ensaio filosófico

A produción filosófica en Galiza segue a ser a día de hoxe esencialmente creación individual porén o seu impulso e desenvolvemento está ligada a diversas iniciativas no plano institucional e social. Sinalaremos entre as primeiras, o traballo de investigación desenvolto nos departamentos das universidades galegas, entre os que destacaremos a labor de diversos docentes da Facultade de Filosofía da Universidade de Compostela, fundada en 1974 e que significou un antes e despois no decorrer da actividade filosófica no país. Dentro das iniciativas sociais, merece un especial destaque o labor realizado desde a Aula Castelao de Filosofía , fundada en Pontevedra no curso 1981/1982 baixo o impulso de persoas como Ramón Regueira, Manuel Aián, Domingos García ou Fernando Pérez, coa intención de renovar, galeguizar e socializar esta disciplina e que levan organizadas máis de  trinta edicións da Semana Galega de Filosofía , autentico escaparate da actividade no país pola que pasaron algúns dos máis importantes pensadores do momento.

 

A consideración de Galiza como eixo central da súa reflexión filosófica é o elo que aglutina a unha serie de autores caracterizados pola súa orientación nacionalista. Nesta liña destacaremos as achegas de Xosé Luís Barreiro Barreiro, Ramón Regueira, Pilar Allegue, Xoán Carlos Garrido e nalgún momento de Antón Baamonde. O primeiro, decano durante casa unha década da facultade compostelá, dirixiu a súa investigación ao estudo do pensamento galego na historia baixo a dupla consideración dos problemas de Galiza e Galiza como problema. O segundo, presidente da Aula Castelao de Filosofía e autor do primeiro manual sobre o tema en galego, reflexiona sobre a existencia dun pensamento filosófico de seu na nosa cultura, partindo de autores como Losada Diéguez e sobre todo Xoán Vicente Viqueira. A terceira, profesora da Universidade de Vigo e unha das iniciadoras dos estudos de xénero no ámbito académico, acude a obra de Sarmiento para explicar o problema galego fundido a tradición da ilustración. A obra de Garrido, persoa ligada á Aula Castelao de Filosofía, enfronta a nosa tradición filosófica en debate con autores como Daniel Castelao ou Ramón Piñeiro.

 

A perspectiva de xénero comeza a tomar corpo no debate filosófico a comezos da década dos oitenta. Neste liña a catedrática da USC María Xosé Agra dedicou os seus traballos ao eido da filosofía moral e política, das teorías da xustiza e da teoría crítica feminista, cun importante esforzo a sistematización e análise desta nosa tradición filosófica silenciada. Purificación Mayobre, desde os seus traballos iniciais arredor do influxo do krausismo en Galiza, encamiñouse ao tratamento da problemática de xénero e das identidades. A esta orientación, debemos engadir as reflexións de Beatriz Suárez Briones, Teresa Moure, ou Carme Adán, vinculada á Aula Castelao de Filosofía e autora de diferentes publicación sobre o tema. Así, entre as pensadoras máis novas citaremos a Rebeca Beceiredo, influída pola tradición do postestruturalismo, da que destacaremos Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras .

 

A produción filosófica desde unha perspectiva marxista non escapou ao devalo do pensamento crítico como consecuencia do escenario aberto no mundo na década dos oitenta e agudizado após a caída de determinadas formas de socialismo no leste de Europa. A rica tradición ensaística que dentro desta perspectiva se desenvolveu en Galiza nos anos finais do franquismo e nos iniciais da II Restauración non terá continuidade nestas últimas dúas décadas, malia a influencia no período anterior das achegas de López Suevos e Beiras Torrado na economía, de Francisco Rodríguez nos estudos lingüísticos e literarios, de López Carreira nos históricos ou de Filipe Marzoa nos filosóficos. Aínda así, nesta última disciplina contamos con notábeis excepcións, dalgúns dos autores ligados a Aula Castelao de Filosofía como Ramón Regueira, Domingos García, Fernando Pérez ou Xoán Carlos Garrido e fundamentalmente de Francisco Sampedro, pensador moi influído pola obra de Althusser e da corrente estruturalista do marxismo, tradutor ao galego da obra de Badiou, Labica, Sartre ou Beauvoir e autor de significadas contribucións como Ideoloxía e distorsión ou A violencia excedente .

 

A viaxe de urxencia pola actividade filosófica na Galiza obriga a reparar nalgunha das achegas do período. Así, citaremos en primeiro termo, á denominada escola hermenéutica compostelá, xurdida arredor de Carlos Baliñas e da que hoxe é un sinalado expoñente Marcelino Agís. A filosofía moral e política é centro da atención de Luís García Soto, cuxas publicacións esta ligada á obra de Roland Barthes e de aí a filosofía contemporánea francesa e ao postestruturalismo e posmodernismo. Sinalaremos por último, os traballos de Nel Rodríguez Ríal, profesor de estética da Facultade de Filosofía da USC, con estudos de estética fenomenolóxica e cunha importante labor de difusión da fenomenoloxía, corrente filosófica que pon o énfase na neutralidade descritiva do receptor na determinación dos significados.

 

A investigación antropolóxica ten acadado un importante desenvolvemento entre nos. Xosé Ramón Mariño Ferro cunha abondosa bibliografía que arranca dos primeiros oitenta defende unha a cultura popular galega relacionada coa europea, sinalando que a primeira non se compón de elementos illados senón que está perfectamente articulada, evidenciando a funcionalidade dos costumes tradicionais por riba da súa aparencia. Xosé Manuel González Reboredo, formado baixo o maxisterio de Bouza Brey, elabora unha síntese da nosa cultura popular desde a antropoloxía, facendo fincapé no valor da parroquia, da tradición oral, do folclore e da etnografía na conformación da nosa identidade nacional. Marcial Gondar Portasany, catedrático de antropoloxía social na USC e ligado como Reboredo ao Museo do Pobo Galego, comezou con investigación sobre o proceso de transformación da sociedade rural, dedicándose posteriormente ao estudo da morte na cultura galega, centrándose actualmente en problemas de antropoloxía urbana e comunicación e mercadotecnia.

 

O pensamento teolóxico galego desenvolvese ligado aos movementos de galeguización de igrexa e ás posicións de compromiso cos sectores sociais máis desfavorecidos. A divulgación desta liña doutrinal ten contribuído de xeito decisivo a revista Encrucillada , destacando as importantes achegas de Xosé Chao Rego , autor dunha extensa obra ensaística, na que abrangue a historia, a socioloxía, a antropoloxía social e a teoloxía, merecendo particular relevo a súa monumental Historia do pobo de Xesús: en procura da boa nova , Eu renazo galego así como as contribucións á análise da homosexualidade, da discriminación de xénero, da problemática ambiental, da construción da conciencia nacional galega ou do priscilianismo. Nunha liña de compromiso con Galiza pero nun orientación menos atrevida que o anterior situase a produción de Torres Queiruga, un dos máis recoñecidos teólogos críticos do Estado español, significándose nos últimos anos a produción de Victorino Pérez Prieto, continuador dalgunhas das liñas abertas por Chao Rego, ou Manuel Cábada Castro.