Tematicamente é afín á cantiga de Amor, xa que en ambas as dúas o eixo central é o amor, mais diferénciase dela na perspectiva (agora é unha muller quen canta), a entoación e, por veces, nos esquemas formais en que se manifesta a situación amorosa.
Nas cantigas de amigo máis características a figura feminina que expón a súa mágoa non é a refinada senhor das cantigas de amor, senón unha rapaza, unha doncela, a dona virgo , a quen veremos pasar por todos os estados de ánimo da namorada, dando lugar a diversos tipos psicolóxicos de amiga: a inxenua, a narcisista, a esquiva, a vingativa, a desconfiada... Con todo, non convén esquecermos que os autores das cantigas son homes e que, por tanto, eses estados anímicos e os retratos psicolóxicos correspondentes son unicamente aqueles perceptíbeis pola perspectiva masculina.
Na primeira estrofa achamos sempre a situación precisa dos namorados ou da rapariga frente ao seu amigo, con indicacións concretas do tempo e lugar en que se dá a mensaxe. Asume así esta primeira parte da cantiga un carácter narrativo que esperamos ver desenvolvido no resto da composición. Mais ese desenvolvemento non se produce, e o resto das estrofas limítanse a repetir, con pequenas variantes, a situación inicial. Toda a información está, por tanto, nos primeiros versos. A promesa inicial de acción contrasta co inmobilismo posterior, creando un lirismo fortemente concentrado, un lirismo de repetición "monocorde".
Fronte á ausencia de localización física da cantiga de amor, na de amigo máis característica a paisaxe cumpre unha función primordial, é o marco en que se ambienta a cantiga. É unha paisaxe bucólica e primaveral, dominada pola verde herba, as árbores en flor (sobre todo abeleiras e piñeiros )e salferida por ríos, fontes e, en Fernán Esquío, un lago. Un contorno natural poboado por aves e, en Pero Meogo, por cervos. Tamén son frecuentes os nomes concretos de igrexas, ermidas e romarías. Nas que teñen como contorno o mar, este pode aparecer como simple escenario ou como símbolo do estado de ánimo da amiga.
Neste contorno idílico, a namorada pode dirixirse directamente ao amigo ou a unha serie de intermediarios que asumen o papel de confidentes, cómplices ou mensaxeiros: a nai, a/s amiga/s, a irmá. No seu canto pode facer o panexírico das cualidades do amigo (verdadeiro contrapunto do eloxio da dama da cantiga de amor) ou manifestar todos os sentimentos e receos do amor insatisfeito: saudade, ciúmes, infidelidade, desilusión, coita, súplica, ameaza, aldraxe, choro... Neste campo semántico do amor insatisfeito a cantiga de amigo pódese converter no verdadeiro reverso da cantiga de amor, porque todos os tópicos con que o trobador expresaba a sua coita son agora atribuídos á amiga. Exemplo paradigmático disto é a cantiga en que Pai Gómez Charinho a transforma na senhor que reflexiona sobre o mal que está a facer ao seu trobador:
Que muitas veces eu cuido no ben
que meu amigo me quer, e no mal
que lhi por mi de muitas guisas ven
Cando o que canta a amiga é un amor satisfeito, a cantiga resólvese en alegría e chega a tocar o tema do segredo de amor baixo a forma dun pacto de mutua discreción. En relación co tema do amor satisfeito aparece o da "prohibición" por parte da encargada de custodiar a namorada, xeralmente a nai, que nestas cantigas asume a voz da experiencia e das convencións sociais.
A presencia destoutras personaxes leva a que en moitas ocasións se estabeleza un verdadeiro diálogo entre a namorada e elas, polo que a cantiga de amigo adquire carácter dramático. Este elemento dramático unido aos compoñentes narrativo e lírico, dan á cantiga de amigo o seu carácter sincrético. Isto quere dicir que a cantiga de amigo contén as tres posibilidades: lírica, épica (narrativa) e dramática (teatro).