Etapa Medieval
Cantigas de amor. Cantigas de amigo
Cantigas de Amigo

Este xénero é o máis representativo da lírica galego-portuguesa. É xeral en toda a crítica consideralo como o máis perfecto e elaborado. Vimos xa que a Arte de Trovar define as de amigo como aquelas cantigas amorosas en que se move a razón dela. Efectivamente, son composicións postas nos labios dunha muller que se dirixe ao seu amigo. Esta palabra, que aparece sempre nos primeiros versos ( exordio ),dá nome ao xénero.

Tradicionalmente existían dúas correntes críticas para explicar a súa orixe. Para a maior parte dos estudiosos peninsulares as cantigas de amigo eran reelaboracións cultas dunha poesía popular autóctona. Para case toda a crítica italiana era poesía derivativa, é dicir, que procedía da lírica occitana; evidentemente, esta última teoría esquecía que o conservado nos Cancioneiros é unha literatura xa feita, adulta, madurecida, que non pode xurdir da nada. As cantigas de amigo hai que estudialas en relación con toda a poesía popular feminina que aparece noutras partes da Romania, e da que outro exemplo peninsular serían as carxas mozárabes. O que diferencia a cantiga de amigo galego-portuguesa desoutra lírica popular é que a nosa alcanzou categoría de arte por mor da estilización a que a someteron os primeiros poetas na corte compostelá. E así, as cantigas de amigo, tal como chegaron a nós, son superviventes modernizadas da primitiva escola lírica galego-portuguesa, sobre a que, posteriormente, actuaron motivos que a modificaron. É popular porque, nun momento dado, pasa a formar parte da experiencia de toda a coleetividade, mais é un produto artístico, refinado, transmisor dun lirismo culto, cunha aparente sinxeleza que é o resultado dun traballo consciente de depuración e duns grandes coñecementos de artista.

IMAXES