Etapa Medieval
Cantigas de amor. Cantigas de amigo
Valoración

A proximidade das Cantigas de Amor á lírica provenzal e a monotonía que pode producir ler centos de cantigas sobre a coita de amor ,frente á variedade, frescura e espontaneidade das cantigas de Amigo, levou os investigadores a non apreciaren demasiado o xénero de Amor, do que se subliña decote a invariabilidade do tema e a mestría do artificio. Esta desvalorización non é xusta, pois é o resultado de avaliar o mundo medieval con parámetros dos séculos XIX e XX.

Recreación de músicos medievais, de Luis Seoane.

O concepto de orixinalidade actual non pode ser aplicado a outras épocas. Para o trobador medieval a verdadeira arte estaba en matizar o tema xa coñecido, en esmiuzar ata o infinito os estados anímicos do que ama.

Tamén se repetiu ata o saciedade que a cantiga de Amor non evoluíu en 150 anos de existencia, que ao longo de século e medio os trobadores se limitaron a daren voltas e máis voltas sobre a coita. Non obstante, non parece demasiado lóxico que se en pintura, arquitectura e escultura a cultura medieval foi capaz de evoluir neses 150 anos do Románico ao Gótico, permanecese estancada en literatura. Na nosa opinión, poderiamos estar unha vez máis ante un problema de descoñecemento, de falta de estudios sistemáticos e profundos que contemplen a edición de todos os trobadores e cantigas anónimas.

Evidentemente unha lectura continuada do cancioneiro de Amor produce unha innegábel sensación de monotonía, mais para podermos saber se houbo ou non evolución no xénero será necesario realizar unha lectura profunda, sistemática e, sobre todo, cronolóxica das cantigas. É lugar común entre os historiadores repetiren que nos trobadores denominados "tardíos", de fins do século XIII e comezos do XIV, aparecen elementos que non se daban antes: a substitución de Deus por Amor, imprecacións a Deus que poden ser consideradas de carácter herético e (á carón dunha volta ás orixes coa composición de cantigas de amigo paralelísticas puras) a mistura dentro dunha mesma cantiga de características propias dos tres xéneros. Habería que investigar a posibilidade de que a aparición destes elementos signifique que si houbo evolución, e no caso do primeiro, de que sexa un paso cara a unha concepción pre-renancentista, en que ese Amor con maiúscula acabaría sendo Cupido, o Deus do Amor. Hipótese que se podería ver confirmada nos poetas do Cancioneiro de Resende.

IMAXES