Nos Cancioneiros copiados en Italia aparecen cinco textos baixo a denominación de Lais de Bretaña. Os lais son composicións anónimas atribuídas a personaxes lendarios que traducen libremente ou parafrasean textos franceses. Non son cantigas de amor, senón que son o resultado do intento de adaptar aos moldes das cantigas galego-portuguesas xéneros doutras áreas xeográficas, neste caso francesas, mais que o adaptador asimila á estrutura e contidos das cantigas de amor ou, en menor medida, ás de amigo.