A característica esencial da prosa xurídica é a súa función utilitaria, dado que tras a confección dos corpos lexislativos e dos documentos notariais non alenta un propósito de virtuosismo estético, senón simplemente a intención de dar a coñecer ou ben unhas normas, ou ben uns feitos que poderán rexir ou afectar a vida da comunidade a que se dirixen.
A conservación de textos de índole legal no noso idioma débese á necesidade de elaborar traduccións das leis dictadas na corte castelá-leonesa, da que Galicia formaba parte naquel período e á que, polo tanto, estaba sometida do punto de vista xurídico.
As Sete Partidas ,o monumental tesouro lexislativo de Afonso X, coñeceu cando menos unha traducción ao galego-portugués, versión da que se nos conservan completas somente a Primeira (consagrada ao Dereito Eclesiástico) e a Terceira (dedicada ao Dereito Procesual). Do mesmo xeito, dispomos na actualidade de fragmentos da Segunda (Dereito Político) e Séptima (Dereito Penal), así como seccións das dúas mencionadas anteriormente. Non é improbábel que en distintos arquivos da xeografía galega e lusitana se agachen restos aínda hoxe descoñecidos; moi recentes descubertas de novos anacos fan concebir esperanzas neste sentido, ao tempo que nos informan sobre a ampla difusión da que gozaron as Partidas no seu momento.
Tradicionalmente vense atribuíndo a iniciativa de acometer esta traducción ao rei don Dinís, hipótese baseada na súa proverbial admiración cara a obra do seu avó e a carencia dun código de dereito en territorio portugués; non obstante, non hai realmente probas que convertan en incuestionábel esta tese.
Estes escritos respondían aos máis diversos motivos, todos eles insertos no exercicio do dereito privado e, en menor medida, público: o
entablamento dun pleito, problemas de herdanza, a demanda de satisfacción de rendas impagadas, a constitución dos foros dunha cidade ou dun determinado oficio, sancións a infraccións cometidas, a estipulación do que se debía cobrar por cada producto nas alfándegas, etc.
A pesar de non ser significativos do punto de vista literario (pois non era este o obxectivo que perseguían os seus autores) estes escritos son determinantes para un mellor coñecemento da fala (aínda que veña depurada polo filtro xurídico), costumes e organización social dos galegos na Idade Media.
A carencia de valores estéticos condicionou decisivamente o esquecemento deste tipo de textos por parte dos investigadores, ata o punto de que mesmo nos nosos días reciben unha atención máis intensa do punto de vista histórico que do filolóxico.
Entre os textos galegos, podemos citar como un dos máis interesantes o Livro do çirial de San Ildefonso da Confraría dos cambeadores de Santiago , redactado entre mediados do XV e ata o XVI; nel detállanse as propiedades e rendas desta confraría e as súas funcións, como cambistas de moeda para os peregrinos (na rúa da Moeda Vella ou na Porta dos Cambios). O aspirante a entrar na Confraría debía ser veciño de Santiago e descender de confrade; comprometíase a pagar unha cota e a cumprir perpetuamente con certas obrigas, como o mantemento de tres velas acesas nun cirial da catedral.
Polo seu especial significado imos demorar nos dous textos máis antigos que conservamos: a Noticia de Torto (que recibe este título das palabras coas que comeza esta demanda) e o testamento do rei Afonso II de Portugal, por tratarse, ademais, dos máis vellos textos prosísticos galego-portugueses que se conservan. Os dous documentos que se consideraban anteriores, o Auto de partilhas máis o testamento de Elvira Sanches, datados, atendendo a indicacións intratextuais, respectivamente, en 1192 e 1193, reveláronse como temperás traduccións de orixinais latinos que, tras o estudio das súas grafías, debemos situar a fins do século XIII ou principios do XIV.
A procedencia xeográfica (portuguesa) destes dous textos foi determinante na apreciación da crítica no momento de proceder a identificar a lingua en que estaban escritos, a cal acabou por confundir as nocións de expresión escrita e nacionalidade.
A Noticia de Torto foi descuberta a principios do século XIX no arquivo do mosteiro de Vair ã o (sito na provincia portuguesa de Entre-Douro-e-Minho). Tras a extinción das ordes relixiosas (na metade do século XIX) foi trasladado ao Arquivo Nacional da Torre do Tombo, en Lisboa (onde figura baixo a sinatura Corporaç õ es Religiosas, Mosteiro de Vairão , maço 2, nº 40 ).
Este texto (escrito entre 1211 e 1215 por unha mao descoñecida nas proximidades de Braga ou Barcelos) é un esbozo notarial dunha demanda xudicial presentada por Lourenço Fernandes da Cunha contra os fillos de Gonçalo Ramires, a quen acusa de non entregarlle os bens que o pai destes, xa falecido, dispuxera no seu testamento, e de ocasionarlle, ademais, cuantiosos e repetidos danos, entre os que non é o menor a violación da súa filla máis nova.
Aprécianse dúas partes partindo das circunstancias biográficas do demandante que se recollen no documento; a primeira viría determinada polo mantemento do favor real e conseguinte prosperidade de Lourenço Fernandes (en que non recibiría os bens debidos, mais as ofensas serían nimias), mentres que na segunda se acrecentaría a violencia contra a súa persoa, deudos e familiares, tras a morte de Sancho I, o seu protector.
Fronte ao carácter rural do notario que escribiu a
Noticia de Torto
podemos contrapor a actuación, no testamento de Afonso II, dun notario real de
Coimbra. A distinta consideración de ambos os documentos vén demostrada porque, se ben na
Noticia
todo parece indicar que se trata dunha exposición conducente a unha acción xurídica individual (un pleito), no testamento do monarca portugués unha disposición particular afecta a todo un reino; por esta razón non é de estrañar que o mesmo monarca dispuxera a existencia e reparto de trece copias en que se recollera a súa derradeira vontade e que irían dirixidas á custodia dos arcebispos de Braga, Santiago e Toledo, aos bispos de Porto, Lisboa, Coimbra, Évora, e de Viseu (coa excepción do arcebispo de Toledo, estes mesmos personaxes serán encargados da custodia e defensa dos seus fillos, en caso que o rei morrera cando estes non atinguisen a maioría de idade, e de seguilos no campo de batalla, se fose preciso, en caso de que lles fosen disputados os dereitos ao trono), ao mestre dos templarios, aos priores do Hospital e da Santa Cruz, ao abade de Alcobaça, gardando a última copia el mesmo. Non obstante, a pesar destas precaucións tan só chegaron a nós dúas das copias.
O testamento, datado o 27 de xuño de 1214, respecta as fórmulas testamentarias, tras o cal pasa a enunciar a preocupación do monarca por deixar ordeados, en paz e bastecidos á súa muller, aos seus fillos, aos seus vasalos e a todo o seu reino. O interese central estriba en dirimir quen vai ser o seu sucesor, posto para o que designa a seu fillo, mais estudia todas as posibilidades que se poidan dar se este morre sen descendencia, e ao tempo, suplica ao Papa por que apoie aos seus herdeiros ante as posíbeis continxencias.
Afonso II non esquece as obrigas inherentes á súa condición de monarca cristián e distribúe as décimas debidas á Igrexa, despois do que establece o reparto dos bens restantes entre a súa muller (a máis beneficiada) e os seus fillos, esixíndolles que antes de que se procedese á división fosen saldadas as súas débedas. O rei portugués dispón do divino (deixa mandas para a celebración dos seus cabodanos) e do humano (elixe o mosteiro de Alcobaça para a inhumación do seu corpo, ordena a entrega urxente dos bens necesarios para o sostemento económico e afianzamento político dos seus descendentes, e, no caso de disensións, a aceptación da opinión sostida pola maior parte dos bispos e arcebispos aos que recorreu).
Cómpre mencionar brevemente a probábel existencia de tratados técnicos de moi diversa índole, en que se debía ilustrar ao lector sobre os coñecementos da época. En Portugal a prosa pragmática vive a súa etapa de esplendor coa casa dos Avis. Os seus froitos máis destacados son o Livro da Montaria (estudio sobre a caza do xabarín, que contou coa aquiescencia de expertos en tan nobre exercicio), froito do fundador desta liña dinástica, João I, o Livro de bem caualgar toda sela de Don Duarte (dedicado exclusivamente ao estudio equino) e, xa afastado da estirpe real, o Livro da Falcoaria de Pero Menino. O único texto galego que correspondería a esta etiqueta terminolóxica e que chegou aos nosos días, o Tratado de Alveitaria ,conserváse nun códice de inicios do século XV, extraviado na actualidade, polo que é imposíbel a súa consulta, a pesar de que sabemos que fora propiedade do notario de Baiona, Álvares Eanes da Seira.
Trátase dun manuscrito misceláneo, xa que os quince primeiros folios así como os cinco últimos (fols. 42-46) foron aproveitados polo escriba para introducir apuntamentos e actas notariais desde 1409 até 1420, o que nos permite datalo aproximadamente.
Este códice é unha copia defectuosa dun orixinal perdido, probabelmente do século XIV. A diferencia do portugués
Livro de Alveitaria
,debido ao
mestre Giraldo, o
Tratado de Alveitaria
unicamente bebe nas fontes do
De medicaminibus equorum
,un tratado hipiátrico sobre os cabalos de grande difusión en Europa, redactado por Jordanus Ruffus, intendente de Federico II de Sicilia.
O libro está dividido en seis partes de extensión moi desigual que se poden reducir a un esquema bimembre: as catro primeiras (as máis breves) ocúpanse da xeración, nacemento e crianza do cabalo, ao tempo que se describen as características do animal ben proporcionado. As dúas últimas, en cambio, dedícanse a consideracións de índole estrictamente veterinaria: as súas doenzas e os posíbeis remedios que se coñecían para curalos. Ramón Lorenzo subliña o valor desta obra, xa que é o único exemplar de materia científica escrito en galego que coñecemos, sen esquecer a importancia do caudal léxico que nos suministra.
A pesar de ser o único texto galego medieval sobre este tema, podemos sospeitar a existencia doutros títulos, actualmente perdidos, dada a relativa abundancia de obras destas características noutras literaturas peninsulares medievais, como a catalana e castelá, ademais do interese manifesto que estes asuntos espertaban no sector nobiliario, tan puxante daquela na nosa terra.