Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Motivacións

Unha das cuestións máis complexas que levantan as Cantigas de Santa María son as motivacións que impulsaron a Afonso X a promover a composición desta colección de poemas que nunca deixou de ampliar.

Os motivos que moveron os reis e os grandes señores feudais de toda Europa a potenciar as obras de carácter historiográfico están claros: afundir as raíces das súas familias no albor da humanidade, enlazando directamente con heroes míticos ou bíblicos, para así glorificárense e xustificaren o seu dereito a gobernaren. O que moveu a Afonso X a dirixir a redacción do seu inxente labor lexislativo foi tamén unha razón pragmática: proporcionar aos nacentes Concellos unha arma xurídica coa que se defenderen dos abusos dos grandes señores feudais. Desta forma coutaba o inmenso poder destes e reforzaba o da monarquía.

Páxina das  Cantigas de Santa María.  Biblioteca Nacional de Florenza.

No caso das Cantigas de Santa María os estudiosos falan de motivacións "internas" e motivacións "externas". Filgueira Valverde sinala dentro das internas tres estratos:

  1. As Cantigas como marioloxio.- Neste sentido o que se pretende coas cantigas é potenciar ao máximo o culto á Virxe, porque gracias ao seu papel como mediadora ante Deus os seus adoradores non só salvan a alma senón tamén o corpo, e mesmo poden ver cumprido calquera desexo. O propio rei declárase trobador desta "dona de donas".
  2. As Cantigas como exemplo.- Aquí o que predomina é o fin didáctico, isto é, o que se pretende é que o ser humano reconsidere a súa conducta a través das historias narradas, de aí que o refrán teña sempre un contido e unhas pretensións moralizadoras.
  3. As Cantigas como colección.- Neste aspecto as Cantigas de Santa María son un fin en si mesmas, é dicir, son unha enciclopedia de todo o saber da época sobre a Virxe.

As chamadas motivacións "externas", de carácter político, son dúas. Unha corresponde ao que hoxe chamaríamos política externa (pretensións ao título de Emperador) e a outra á política interna (o reparto do poder dentro dos tres reinos peninsulares: Galiza, León e Castela).

Afonso X precisaba acrecentar en todo o posíbel o seu prestixio para convencer o Papado da bondade da súa candidatura á coroa Imperial. Esta bondade non se medía unicamente en armas e riquezas: o aspirante ao título de Emperador tiña que demostrar tamén que os seus reinos posuían un prestixio cultural capaz de igualar, e mesmo superar, ao do outro aspirante. As Cantigas de Santa María son a obra ideal para tal fin: un compendio da arte da época (música, pintura e literatura) escrita nunha lingua de cultura, o galego, que contaba cunha sólida tradición lírica.

Polo outro lado, e xa dentro dos reinos peninsulares, o poder material, non só espiritual, da Igrexa era enorme. Os bispos de Santiago figuraban entre os señores feudais máis poderosos e insubmisos da época e, desde que Diego Xelmírez conseguira a categoría de igrexa metropolitana para Compostela e o dereito a acuñar moeda, a sé galega disputaba a Toledo a primacía dos reinos cristiáns.

Para contrarrestar o prestixio cultural de Compostela, convertida tamén en centro de peregrinaxe de toda Europa, Afonso X crea o seu propio centro de cultura en Toledo, impulsando obras que puidesen competir coas santiaguesas. Quere que Toledo substitúa en todo a Santiago, mesmo como centro de peregrinación e, por tanto, necesita que Santa María sexa tan poderosa como o Apóstolo, de aí quizais que milagres atribuídos tradicionalmente a el, aparezan nas Cantigas como obra da Virxe.

De todos os xeitos, sería un erro pola nosa parte interpretarmos isto unicamente como unha loita entre o poder civil e o poder eclesiástico, porque subxace sempre, nestas liortas, o reparto do poder entre familias oligarcas. Afonso X quere para o bispado de Toledo o poder, prestixio e riqueza de Compostela, mais cómpre recordarmos que o primado toledano é o seu irmán Don Sancho, e que cando este morre, é substituído polo infante Don Sancho de Aragón, cuñado de Afonso. Conseguir para a sé toledana o poder de Santiago é, para Afonso X, que todo quede na casa.

Para Filgueira Valverde, e para moitos estudiosos máis, é evidente o antigaleguismo de Afonso X. Non obstante, a outros non Iles parece compatíbel este antigaleguismo co feito de que Afonso X fose un grande protector dos nosos trobadores, que na  súa corte se vivise o período aúreo da lírica medieval, que el mesmo trobase en galego e de que do seu scriptorio saíse o primeiro códice (hoxe perdido) das cantigas profanas. Poida que o problema radique no significado que ten para nós o termo. Afonso X é antigalego no sentido de que pretende eliminar o prestixio e poder de Compostela e dos indomábeis señores galegos que tiñan, en moitas ocasións, máis poder real que o propio monarca; poder que manterán, a pesar de Afonso X, ata finais do século XV. Mais non é antigalego no sentido de que persiga ou proscriba o uso do galego, nin de que intente romper a unidade lingüística de Galiza. Tal posibilidade sería impensabél nunha época en que este é un reino cunha lingua e unha cultura normalizadas e que ademais conta cunha literatura.

Miniatura das  Cantigas de Santa María. Biblioteca Nacional de Florenza.

Como motivo persoal está a profunda fe de Afonso en Santa María e o seu desexo de louvala e de ser o seu trobador exclusivo. Non temos razóns para dubidar da súa sinceridade cando narra "milagres" persoais que lle fixo a Virxe, e o máis probábel é que acreditase en que a salvación da súa alma dependía deste libro, como parece demostrar o feito de que nos últimos anos da súa vida non se afastase del.

Un outro motivo combinaría as pretensións persoais do rei como cristián e as do político que quere unificar no relixioso os seus reinos, xa que moitas cantigas son exemplo de conversión ao cristianismo de xudeus e mozárabes.

IMAXES