Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Valoración

As Cantigas de Santa María son un magno compendio de arte medieval, porque abranxe literatura, música e pintura. As miniaturas, tanto polo colorido como pola distribución do espacio, supoñen unha concepción da pintura moito máis rica da habitual noutros códices da época: cada viñeta vai acompañada, ao pé, por un texto aclaratorio, os fondos fican practicamente sen cor, facendo resaltar máis as figuras, o número de personaxes non adoita ultrapasar as seis e son extremadamente realistas.

Páxina do Tumbo A. Catedral de Santiago de Compostela.

Dada a magnitude e importancia da obra, débenos sorprender a escasa atención que recibiron xa que, se a compararnos con obras moito menos importantes, practicamente carecemos de bibliografía sobre ela. Tampouco houbo versións ou edicións populares que permitisen certa aproximación das Cantigas de Santa María ao grande público e, curiosamente, a única e excelente edición (no sentido científico do termo) que existe, está feita polo alemán Walter Mettmann.

De reflectirmos un pouco poderemos entender esta situación. Foi "escrita" por un monarca que é o creador da prosa castelá, e isto é o que interesa aos historiadores da literatura española, que nomean as Cantigas de Santa María como obra persoal, menor, e case inexplicábel, de Afonso X. Inclúenna na historia da literatura española, mais non a estudian nin se preocupan de a dar a coñecer porque, a pesar de todo, resulta evidente a imposibilidade de considerala como parte da literatura española.

Nos libros de historia da literatura portuguesa aparecen citadas sen máis, probabelmente porque, na realidade, non as consideran literatura propia: cousas dun rei estranxeiro nunha etapa da historia da lingua en que hai que falar de galego-portugués e non de portugués. As Cantigas de Santa María pertencen á literatura galega e seguirán sen recibiren a atención que merecen mentres os nosos investigadores non se decidan a traballar en serio na recuperación da nosa historia literaria, esquecendo dependencias absurdas e rexeitando tópicos esterilizantes.

IMAXES