Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Decadencia e prolongacións da Escola Trobadoresca. Causas da decadencia

Na desaparición dun movemento literario conxúganse sempre unha serie de factores relacionados non só coa cultura senón tamén coa situación política, social e económica da sociedade que o creou. O XIV é un século de parálise profunda en toda Europa: fames e pestes asolan o continente.

Escena dunha batalla medieval nas  Cantigas de Santa María.

En Portugal, a morte de Don Dinís en 1325 significa a desaparición do último grande centro produtor de lírica galego-portuguesa. Pero aínda que sexa 1354, ano da morte de Don Pedro, Conde de Barcelos, a data que marca o límite ad quem ,non se pode afirmar que o noso lirismo desapareza totalmente; aínda pervivirá durante un século na corte castelá.

Os sucesores de Don Dinís inician camiños que levarán a unha verdadeira revolución da burguesía marítima e a unha nova configuración dos modelos de vida e de cultura. A crise económica en Portugal é moi profunda e a nobreza fica desposuída da función de soporte —ideolóxico, socio-cultural e financeiro— dunha literatura que lle era propia. Así, a falta de mecenas leva á desparición da escola trobadoresca.

As guerras e disputas cos reis de Castela son continuas e co advento da casa de Avís ao trono portugués, prodúcese un cambio de rumbo na política cultural. O pensamento vira cara ás realidades concretas e a cultura adquire trazos de utilitarismo, impóndose o espirito mercantil. Portugal lánzase á aventura marítima e esta nova realidade non favorece o traballo creativo, de xeito que na corte vai primar o gusto pola prosa doutrinal e didáctica.

En Galiza, aos desastres climatolóxicos e endémicos do século sumánse outros de carácter político. En 1366 Henrique de Trástamara provoca unha guerra civil disputando o trono a Pedro I. En Castela esta guerra remata pronto, en 1369, cando o rei lexítimo é asasinado polo Trastámara. En Galiza, polo contrario, vai durar vinte anos, porque a nobreza galega, partidaria de Pedro I, se nega a acatar a Henrique II. As consecuencias destes vinte anos de guerra serán terríbeis tanto no económico como no político.

O país ficou arrasado, pero de todos os xeitos, o rei castelán esixe que se lle pague unha "indemnización" económica. No político, os partidarios de Pedro I, mortos ou exiliados, desaparecen do panorama galego e os seus títulos e posesións son repartidos entre os seguidores de Henrique II. As grandes e vellas liñaxes galegas son substituídas pola mediana ou pequena nobreza e mesmo por liñaxes foráneas. No lugar dos Castro ou os Andeiro aparecen os Sarmento, Ulloa, Andrade, Osorio... Fronte á crise económica, estes novos señores reaxen aumentando a presión sobre labregos e burgueses, aos que venden a súa "protección". A tensión vai aumentando cos anos, os Concellos organízanse e, a mediados do século XV, estala o primeiro proceso revolucionario antiseñorial de Europa, as Guerras Irmandiñas .

Neste ambiente, e aínda que Galiza fora o berce da cultura trobadoresca, non florece a lírica. Durante os séculos XIV e XV prodúcese o desenvolvemento da prosa e, sobre todo, das traducións, aínda que non chega a se consolidar totalmente unha literatura nacional diferenciada polos condicionamentos políticos.

A todos estes factores pouco propicios para que sobreviva a escola trobadoresca, hai que engadir o normal proceso de esclerose dun lirismo que esgotaba xa o seu ciclo vital. Será en Castela, nas cortes frívolas e galantes dos Trastámara (Henrique II, Xoán I, Henrique III e Xoán II) e na corte de Afonso V de Aragón, onde vivirán as prolongacións da vella escola trobadoresca galego-portuguesa.

No século XIV aparecen as primeiras personalidades da literatura castelá. As linguas peninsulares, cada vez máis afastadas do latín, van perdendo a transparencia que facilitaba, para alén do seu prestixio como vehículo da lírica peninsular, que poetizasen en galego homes doutros reinos. Como testemuño disto quedou a carta en que Gómez Manrique confesa a súa incapacidade para dominar a lingua galego-portuguesa. Comezan a se prestixiar os estudios de cultura clásica greco-latina e a se impor as modas poéticas que chegan de Italia.

IMAXES