Introdución
Definición, características e periodización da literatura galega
Follas Novas, libro símbolo da Literatura Galega

Na literatura galega existen autores e libros que son auténticos tesouros no panorama das literaturas europeas polo menos. Un destes autores é unha muller, Rosalía . Un dos seus libros, Follas Novas (1880), é un fito na historia da literatura galega. Sen dúbida de facérense avaliacións que tivesen en conta a diversidade, se houbese coñecemento verdadeiro das culturas "periféricas", este libro sería comparado coa Divina Comedia de Dante, coa vantaxe da súa máis evidente e directa "modernidade".

Desgraciadamente non é só que a ignorancia "exterior" prexudique a correcta ponderación de Follas Novas. Tamén, e isto resulta máis grave, é un libro pouco lido na sua totalidade "dentro" e, sobre todo, pouco explicado, por rotina e minusvaloración crítica fronte ao noso. O libro está moi por riba do que, normalmente, moitos lectores "cultos" están dispostos a cavilar. Sen adiantar a explicación demorada que faremos no fascículo a el adicado (12), fagamos as seguintes advertencias:

  1. O libro é unha visión global do mundo, desde unha perspectiva de coñecemento que considera imprescindíbel o contraste do suxeito co mundo na súa pluralidade, para acabar sendo consciente e identificarse, rematando así coa angustia.

    Follas Novas  de Rosalía de Castro

  2. O libro é unha viaxe desde a vaguidade e a imprecisión (I), á definición do pensar íntimo (II), o contraste, a diversidade e a pluralidade, o conflito social (III), a realidade específica, antropolóxica e cultural do país (IV) e, finalmente, o grupo social que mellor representa a marxinación e opresión da galiza (mulleres e emigrantes ou mulleres emigrantes).
  3. É un libro en que subxace unha trascendencia, unha filosofía; é unha cosmovisión, unha globalidade, na que se defende implicitamente o dereito dos pobos a vivir en paz e liberdade na súa propria terra e se defende a liberdade de pensamento e, xa que logo, a relatividade de toda verdade e moral.
  4. Todos os xéneros literarios, malia tratarse formalmente de poesía lírica, están aquí presentes: lírica, narrativa, teatro, didáctica... igual que están suxeitos moi diversos que non debemos confundir co suxeito rosaliano, po r má is que poidan existir degraos de compenetración ou de diverxencia ideolóxica, moral ou sentimental.
  5. Cómpre ler o libro na sua integridade e "as dúas palabras da autora" en contraste co que o libro evidencia, para xulgalas ben, non ao pé da letra. De ter dificuldade para a lectura íntegra e sucesiva do libro recomendamos, como forma de comenzar, probar cos seguintes poemas:
  • Libro I: (poema I e XX).
  • Libro II: (Ti onte, mañán eu, De balde, A xusticia pola man, ¿Por qué, Dios piadoso? e Soia).
    Libro III: Un verdadeiro amor é grande e santo, Nin ás escuras, Xigantescos olmos, mirtos, Pelouro que roda, Brancas virxes de cándidos rostos..., Decides que o matrimonio..., Tembra un neno no pórtico húmido...
  • Libro IV: Xan, Tanto e tanto nos odiamos...
  • Libro V: ¡Para a Habana!, Foi a Páscoa enxoita, N'é de morte, ¿Qué lle digo?; Ca pena ó lombo e Tan soio.

Recomendamos, caso de que os poemas teñan título, fixarse nel contrastivamente con todo o poema, antes e despois de lelo.

Escollemos este libro para acompañar tamén o primeiro fascículo, pola súa complexidade de estrutura, a súa revolucionaria modernidade de forma e de pensamento, a súa "universalidade", como cosmovisión, desde unha fonda identificación con Galiza... En definitiva, ser representativo da especificidade da literatura galega, á que xa aludimos, á vez que unha obra pasmosa para o seu tempo, de trascendencia para a Humanidade hoxe. A obra dunha muller galega aínda non ben comprendida, un clásico da nosa literatura: Rosalía de Castro.

IMAXES