Denuncia contra a represión do idioma galego perante a UNESCO

1954

En novembro de 1954, a colectividade galega de Arxentina, a través de importantes persoeiros nacionalistas e galeguistas, elaborou un informe no que denunciaba a persecución que a lingua galega sufría por parte do réxime franquista e que presentaron ante a Unesco. Daquela, reclamaban que a institución actuase ante o veto do Goberno do Estado ás publicacións en lingua galega, vasca ou catalá.

"O presente informe está determinado por unha fe e tamén por un desexo: a fe en que a Unesco é o úneco órgao sensibre aos probremas vivos da cultura universal". Así comezaba a Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol, publicado en varios idiomas e no que se advertía da represión e censura que o Goberno de España exercía sobre as linguas -daquela non oficiais- e sobre toda cultura que non fose a imposta polo franquismo.

"Istes son os feitos que produxeron a denuncia. No nome de unhos direitos humáns aos que ningún membro da Unesco, pode permanecer insensible. (...) Todo pobo tén o indecrinable direito colectivo a usar seu propio idioma como ferramente da cultura", remataba o documento asinado polos centros Lucense, Gallego, Coruñés, Ourensano, Pontevedrés, de Betanzos, de Corcubión e a Irmandade Galega de Arxentina, ademais dos centros galegos de Nova York, Caracas e México, que enviaron outras denuncias case idénticas.