Pedro Pardo de Cela encabezou o episodio máis coñecido de resistencia aos Reis Católicos en Galiza. Foi firme opositor aos intentos de implantar en Galiza o goberno da Audiencia e a implantación da Santa Hermandad, o que rematará por custarlle a vida.
Casado con Isabel de Castro, sobriña do Bispo de Mondoñedo e filla do Conde de Lemos, foi correxedor de Viveiro nomeado polo rei Henrique IV. Foille retirado o cargo polos reis Isabel e Fernando en 1476, por preferiren nomear outro que lles permitise manter un control máis directo sobre a vila.
Á retirada do cargo de correxedor de Viveiro, iranse engadindo a prohibición de construír portos ou facer uso deles, erguer novas fortalezas e finalmente o desterrro da xurisdición de Viveiro, baixo a ameaza da confiscación dos seus bens.
O enfrontamento é continuado no tempo desde 1479 até 1483. Pedro Pardo resiste os ataques da Santa Hermandad cuxo episodio máis longo e coñecido é o do cerco á fortaleza da Frouxeira con 3 anos de duración, dirixido directamente polo gobernador Fernando de Acuña, coa axuda de López Chillida e o mercenario Luís Mudarra.
A longa resistencia que mantivo na Frouxeira rematou co soborno a cambio da traizón. Así conseguiron as forzas castelás ocupar a Frouxeira e prenderen a Pardo de Cela en Castrodouro.
O Pedro Pardo de Cela foi executado en Mondoñedo o 17 de decembro de 1483, A execución do Mariscal serviu como castigo exemplarizante para o resto da nobreza galega que aínda puidese pensar en levar adiante accións de oposición ao proxecto da monarquía.