A exposición Atlántica celebrada en Baiona, no verán de 1980, é tida pola crítica como un revulsivo para a arte galega e vai xuntar a un bon número de artistas que actúan como grupo en exposición, mergullados na corrente da transvangarda e os neoexpresionistas e con resonancias atlánticas de Risco, desde a heteroxeneidade de estilos e a actitude compartida de se situaren na liña do discurso da posmodernidade. A súa orixe parece estar nunha viaxe a Nova Iorque de Angel Huete, Guillermo Monroy, Menchu Lamas e A. Patiño. Os protagonistas de "Atlántica", cos anteriormente citados, forman un grupo numeroso de artistas (Basallo, R. Patiño, Rafael Baixeras, Correa Corredoira, Alberto Datas, Facal, Xosé Freixanes, Armando Guerra, Antón Lamazares, Lodeiro, Mantecón, Moldes, Alberte Permuy, Manuel Ruibal, Mon Vasco, Vidal Souto, entre outros) que aparece co propósito de normalizar o panorama artístico galego e de conciliar a tradición vangardista da xeración dos "Renovadores" coas máis recentes tendencias da plástica internacional, ademais de entroncar a tradición galega coas correntes da nova arte. "Atlántica" como proxecto cultural significa (e non a penas) a defensa "atlantista", un concepto presente desde o XIX con Pondal e os teóricos da Cova Céltica, e que chega con propósitos teorizadores estéticos a Risco e Luís Seoane. "Atlántica", as Bienais de Pontevedra dos oitenta, ou as exposicións da Casa da Parra, definiron o horizonte da estética galega desde a vontade de dialogar directamente con Europa e exportar unha estética galega e enraizada na súa historia máis profunda, como ten dito desde a revista Luzes de Galiza o crítico X. A. Castro. Para algúns creadores posteriores, "Atlántica" supón a aparición da verdadeira plástica galega como tal, para alén de individualidades anteriores como Seoane, Lugrís, Colmeiro ou Laxeiro.
Logo de "Atlántica" aparecen unha serie de nomes novos que formarán as xeracións novísimas da plástica actual: Martínez de la Colina, Tono Carbajo, Carlos Crego, Berta Cáccamo, Paco Pestana, Antonio Mouzo, Pedro Muíño, entre outros. Podemos falar logo dun "posatlantismo" como adecuación dos oitenta aos noventa, levada a cabo polos artistas