Publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

1982

Unha vez que o galego é recoñecido como lingua oficial no Estatuto de Autonomía (1981), a conveniencia xa antes sentida dunha normativa de referencia para os usos públicos, legais e educativos do idioma convértese nunha necesidade perentoria. Para afrontala, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega nomean unha comisión encargada de elaborar unha proposta . Formaban parte desa comisión, pola RAG, Ramón Piñeiro López, Carlos Casares Mouriño e Andrés Torres Queiruga, e polo ILG, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina Fernández e Rosario Álvarez Blanco. Así mesmo, foi fundamental a colaboración de Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Xosé Xove Ferreiro. O texto elaborado por esta comisión, foi discutido e aprobado en sesión conxunta das dúas institucións o 3 de xullo de 1982. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego foron oficializadas pouco máis tarde pola Xunta de Galicia (Decreto 173/1982, de 17 de novembro).