O influxo das innovacións introducidas na novela por Joyce, Kafka, Faulkner, Dos Passos, etc. demóstrase nas producións que algúns críticos denominaron como “Nova Narrativa Galega”. É posible indicar algunhas características que, en maior ou menor grao, están presentes nos autores encadrados na denominación anterior.
En primeiro lugar, detéctase unha fuxida do realismo directo (rural e costumista en moitos casos) contido na narrativa precedente. A consecuencia disto será a aparición de espazos indeterminados, nos que non rexen os parámetros cotiáns. Estes espazos serán pechados e abafantes, e aínda tendo conexión co real (a Compostela dalgún relato de O crepúsculo e as formigas), non existirán máis alá da mente deformada dos personaxes.Os ambientes virán caracterizados pola tendencia ao feísmo. Algo disto tamén se lle pode aplicar aos personaxes: estraños, marcados por tendencias psicopáticas, envoltos en situacións absurdas ou violentas.
A experimentación técnica convértese nun factor de converxencia para a Nova Narrativa. Introdúcense o monólogo interior libre, os desfases espacio-temporais e a redución temporal, a multiplicidade dos puntos de vista narrativos, os argumentos abertos, etc. En Arrabaldo do norte de Méndez Ferrín e A orella no buraco de María Xosé Queizán, trasládanse á literatura galega os preceptos do Noveau Roman francés, que polos anos sesenta inaugurou unha nova concepción da novela.
Na nómina de autores poderiamos incluír a Gonzalo Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xoán Casal, Camilo Suárez Llanos, María Xosé Queizán, Carlos Casares e Xoana Torres.