Os relatos de A casa de Adara están unidos, como xa fixera hai vinte anos na súa primeira entrega narrativa -Mementos de vida- polo fío sutil da rememoración de diversos episodios vitais, da evocación da infancia, da memoria, da vida. Para Conde necesitamos que nos transmitan oralmente historias individualizadas, que nos conformen a nosa memoria colectiva e imprescindible, a identidade propia. Sete contos, que son outras tantas historias de vida, dun río que flúe e que nos leva: a dun señorito de posguerra que viaxa a consolar ao seu sobriño neto; a dun mariño á procura dun dentista nun porto lonxano; a dun bancario bulímico; a dun " psiquiatra " falsificador; a dun marido aburrido que padece de proído testicular; a dun cubano na busca das súas raíces na casa petrucial galega.