En 1849, o impresor santiagués afincado en Ourense Juan María Pazos tiraba do prelo a primeira edición de "A Casamenteira" do escritor Antonio Benito Fandiño. O asunto desta pequena peza teatral é a mediación dunha peculiar Celestina galega que coas súas artes persuasivas amaña os casamentos por interese ou trato. Se atendemos á data da escrita da obra, 1812, podíamos califica-la peza coma o texto fundacional da literatura dramática galega contemporánea.