A poutada do Oso

2011
a_poutada_do_oso.jpg

A poutada do oso é unha novela que ten certas semellanzas coa obra oteriana Arredor de sí no seu significado máis profundo. Lois Diéguez en realidade vén de escribir en forma de novela o Retrato do colonizado, de Albert Memmi, que é xa un clásico do pensamento desalienador. O Adrián Solovio de Arredor de sí é aquí Iván Marrube, mais o Iván Marrube non é o mozo intelectual que protagoniza a obra de Otero Pedrayo. Tampouco Iván Marrube viviu a súa infancia e adolescencia nun pazo da bocarribeira do Miño, como Adrián Solovio. Iván Marrube naceu e criouse no seo dunha familia labrega, humilde, nunha aldea do Val de Lemos, en Outeiro, entre as vacas, comendo cun amigo na maseira dos porcos, sufrindo a risa dos outros nenos cando pronuncia as primeiras palabras en castelán na vella escola de Outeiro e levando en si desde entón a vergoña de ser fillo de campesiños. E cando coñece a Edith, unha moza doutro estatus social, filla de Antonio Garza de las Heras e estudante de Arquitectura,  Iván queda cegado por esta rapaza, polo esplendor do seu corpo, do pazo e dos negocios do pai. Aí inicia Iván Marrube a súa metamorfose e a fuga do rural e de todo o que até ese momento conformou a súa vida.

MANUEL LÓPEZ FOXO