Na presentación do libro, Miquel Anxo Fernán Vello, editor, sinalou a madurez deste poemario e a súa reflexión sobre este duro tempo que nos toca vivir. Miguel Anxo Mouriño reparou na fame de xustiza. Teresa Moure atopou nos meus versos ecos de Manuel María, Mercedes Queixas os de Manuel Antonio e Bernardino Graña. As dúas a pegada de Rosalía, cando o poema se torna escuro e nace dos pozos máis profundos. Teresa Seara convocou a literatura e a filosofía de todos os tempos, así o pensamento de Heráclito segundo o cal o ser humano é portador dun destino parello ao da auga que corre.