Premio Esquío de Poesía 1990
Ramiro Fonte preséntanos o seu libro na Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán dicindo: “Con Adeus Norte quixen poñer a proba certas reflexións que proveñen da moderna tradición dos románticos europeos, así a posibilidade de procurar, de novo, o lugar da inocencia como ámbito do poético; a fractura dos grandes cantos e a necesidade da súa invocación; a viaxe como fuxida e, ó mesmo tempo, como vínculo co patrimonio da memoria. [...] O fío condutor deste libro, alén da súa arela crítica, creo que vén sendo, no fundamental, o que algúns denominan poesía da experiencia. Desexa, pois, manterse fiel ó mundo da vida, ás verdades e ás palabras do home”.
No Dicionario de Literatura Galega indicásenos, entre outras aproximacións a Adeus Norte: “En palabras do propio autor nunha entrevista concedida F. Alonso este libro representa a despedida da inocencia, do idealismo romántico e das bandeiras da poesía. A conciencia do paso do tempo é o tema central do libro.”