Arqueofaxia é desas obras que atrapan ó lector desde as primeiras liñas e que obrigan a continuar a súa lectura ata a palabra derradeira. Novela de carácter coral, na que se entrecruzan as vidas dun amplo número de personaxes, desenvólvese nunha polifonía narrativa, de modo que o lector, coma se traballase coas pezas desordenadas dun puzzle irá coñecendo pouco a pouco as claves necesarias para darlle un sentido cabal ó conxunto. Arqueofaxia é a crónica dunha destrucción ou de múltiples destruccións entretecidas. A medio camiño entre a novela e o libro de relatos. O argumento principal de Arqueofaxia aborda as peripecias dun grupo de persoas moi diferentes entre si, organizadas baixo unhas siglas, que loitan dun xeito particular, violento e primitivo, contra o que senten como inxustizas sociais. Nárrase sobre todo unha das accións guerrilleiras, a sostida contra unha poderosa empresa farmacéutica co fondo dunha terríbel enfermidade que dezma a poboación. " Arqueofaxia debe salientarse tamén a acertada confluencia de tenrura e violencia, de intenso lirismo e realismo descarnado. Sen esquecer a inclusión de numerosos elementos simbólicos e oníricos, que iluminan e condicionan a lectura de conxunto " . Un libro que, recorrendo a enfoques propios da ciencia-ficcion, propón, dun xeito apaixonado, unha reflexión sobre nós mesmos. Sobre o presente da civilización na que vivimos e sobre o presente e o futuro de Galicia como país diferenciado.