Berta Dávila,gañadora do 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos, achéganos a súa novela sobre a «xeración Xabarín» que contou na súa elaboración con Agustín Fernández Paz como titor.
A autora ofrécenos en Bailarei sobre a túa tumba un proxecto que, segundo o xurado que a premiou, «pode cualificarse de ambicioso e dunha sorprendente madurez». A autora tenta «recoller o xeito de ver o mundo e de enfrontarse á vida dos membros da que ela chama a "xeración Xabarín", é dicir, a dos mozos e mozas que naceron na década dos oitenta e "viron os xogos olímpicos na tele, pero non se lembran demasiado"».
O tema elixido resulta moi atraente por moitas razóns. Porque o feito de que o retrato dunha xeración a través duns poucos personaxes sexa un dos máis frecuentes na literatura, lonxe de restarlle méritos, dálle aínda maior interese á proposta de Berta Dávila,pois cada xeración ten o seu xeito específico de enfrontarse ao mundo e á vida, un xeito que sempre é orixinal e irrepetible. A dicir do xurado, que tivo como secretario a Agustín Fernández Paz, que tutelará á gañadora deste ano, «se o tema ten interese, non o ten menos a forma de narrar que Berta Dávila nos descobre na selección de páxinas do texto que presenta: hai unha madurez no emprego das estratexias narradoras, uns diálogos cargados de vida, un intento de trasladar á escrita o ton vital e os rexistros lingüísticos desta xeración de mozos e mozas que viven agora a década dos vinte anos».
O xurado conclúe: «Cremos que no proxecto de Berta Dávila hai elementos suficientes para que del acabe saíndo unha novela moi estimable, que, con seguridade, nos achegará unha voz nova e potente ao noso panorama literario».
BIBLOS. Clube de lectores.