Premio Esquío de Poesía 1981
Palabras de presentación do poemario na edición da Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán: “En certa medida, ‘Camiño de Antioquía’ (anaco dun proxecto poético máis amplo) resume, abrangue e, se cadra, pecha a traxectoria que se albiscaba nalgúns poemas de ‘Lideiras antre a paisaxe’ e que xurdía nidiamente en ‘Informe da gavilla’: a constatación da existencia do mito; a análise no seu interior.
A estes elementos -constatación, análise- ‘Camiño de Antioquía’ engade un novo: a pervivencia: o mito como conexión, como ancoraxe e como ancoradoiro no pasado, como ponte pendurada ó traveso do espacio e do tempo, como pretexto do mantemento hoxe de situacións que veñen dende o tempo dos homes corcovados / dende o tempo das covas e cafurnas. Dende este outeiro ‘Camiño de Antioquía’ é a explicitación poética dun feito: o da existencia, nunha sociedade informatizada, nuclearizada, electrónica de paradóxicos exemplares vivos (non son fóseis, senon celacantos) de evidente fasquía de xamanista, de radical conduta de pitonisa, de real actitude de meigo mesolítico.”