Cantares Gallegos

1863
11.11.jpg

1863 é o ano da publicación de Cantares gallegos, obra singular na nosa historia literaria por varios motivos:
    - Primeiro libro impreso escrito integramente en galego.
    - Supera en cantidade e calidade os intentos dos Precursores.
    - A pesar de ser o primeiro, o libro convértese nunha das obras de maior calidade da nosa literatura.
    - A súa autora é a única escritora galega do S. XIX.
    - Abandona a literatura romántica dos Precursores elaborando unha obra de tipo realista.

Intencións

“... facerlle máis palpable a España  a inxusticia que ela á súa vez conosco comete. Foi este o móvil principal que me impeleu a pubricar este libro...”
Así de clara se mostra Rosalía no “Prólogo” de Cantares gallegos. Pero ao longo do mesmo expón de forma máis concreta os motivos que a impulsaron á publicación do libro:
    - Cantar as belezas da terra.
    - Dar a coñecer costumes e tradicións galegas.
    - Desvanecer os prexuízos que en España existen sobre Galicia.
    -  Dignificar o idioma e demostrar que o galego é unha lingua apta para a creación literaria.

Estrutura

Cantares gallegos é unha obra de estructura cerrada. Abre o libro un poema no que se realiza unha invitación a unha rapaza para que “cante”:

FRAGMENTOS DA OBRA

Eu cantar, cantar, cantei

 Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita,
que nunca (delo me pesa)
fun meniña grasiosa.
Cantei como mal sabía
dándolle reviravoltas,
cal fan aqués que non saben
direitamente unha cousa.
Pero dempois paseniño,
i un pouco máis alto agora,
fun botando as miñas cántigas
como quen non quer a cousa.
Eu ben quixera, é verdade,
que máis boniteiras foran.
Eu ben quixera que nelas
bailase o sol cas palomas,
as brandas auguas ca luz
i os aires mainos cas rosas;
que nelas craras se visen
a espuma das verdes ondas,
do ceu as brancas estrelas,
da terra as prantas hermosas,
as niebras de cor sombriso
que aló nas montañas rolan,
os berros do triste moucho,
as campaniñas que dobran,
a primadera que ríe
i os paxariños que voan.
Canta que te canta, mentras
os corasóns tristes choran.
Esto e inda máis, eu quixera
desir con lengua grasiosa;
mas donde a grasia me falta
o semtimento me sobra,
anque este tampouco abasta
para espricar certas cousas,
que a veces por fóra un canta
mentras que por dentro un chora.
Non me espriquei cal quixera
pois son de espricansa pouca;
si grasia en cantar non teño
o amor da patria me afoga.
Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita.
¡Mais que facer, desdichada,
si non nacín máis grasiosa!

Miña Santa Margarida

 Miña Santa Margarida,
¿con quen te hei de comparare?
Coma ti non vin ningunha
nin na terra nin no mare.

      Coma ti, Santa bendita,
tan garrida e tan presiosa,
nin brilou ningunha estrela,
nin se abreu ningunha rosa.

      Nin luceiro, nin diamante,
nin luniña trasparente,
luz verteu máis cariñosa
que o teu rostro relucente.

      Nin as froles do xilmendro,
nin a rosa purpurina,
nin as neves da montaña,
nin fulgor da mañanciña;

      nin alegre sol dourado,
nin corrente de augua pura,
miña Santa Margarida,
che asemella en hermosura.

      ¿Con quen te hei de comparare,
miña Santa Margarida,
si ti foche ánxel de amore
polos anxes escollida?

      Sólo a Virxe é máis hermosa
que eres ti, bendita Santa,
i o teu rostro pelegrino
ó temido demo espanta.

      De ti vivo namorada,
en ti penso con fervore,
que eu ben sei que che contenta
este puro e santo amore.

      ¡Quen poidera…! ¡Quen poidera
xunta ti vivir segura,
manantial de mel derrama,
pura fonte de ternura!

      Onda ti, lonxe do mundo,
tan feliz me acobexara
que en jamais ó pracer vano
este meu mirar tornara.

      Que no monte onda ti moras
tan bon aire se respira,
que o que máis do mundo foxe
sólo alí por Dios suspira.

      Miña Santa Margarida,
miña Margarida santa,
tendes a casa no monte,
donde o paxariño canta.

UNIDADES DIDÁCTICAS
Rosalia de Castro
Autoría
Libro dixital