Accésit Premio Esquío de Poesía 1993
Cartografía de Arturo Regueiro é presentada na Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán como un itinerario que relata a viaxe feita por aqueles nenos que medraron a ritmo de rock’n’roll; aqueles nenos que abriron a fiestra do seu tempo e debruzaron a súa ollada aos horizontes que se erguían na TV, na radio, na banda deseñada, no cinema e mesturaban aquelas paisaxes coas outras que percorrían os seus relatos á calor do lume das lareiras.
Rafael Fernández Lorenzo dirá: “Hai na Cartografía de Arturo L. Regueiro unha minuciosa exploración interior, que pretende revelar por medio da palabra, a orografía do tempo e o desexo, os horizontes ignotos onde habitan o medo e a derrota. Aqueles territorios nunca delimitados nin espoliados polos homes, pero si experimentados e padecidos por eles mesmos nos tortuosos camiños da vida [...] Cartografía é pois o legado biográfico dunha xeración mantida na ambigüidade sentimental do amor pola Nosa Terra e a universalidade da poesía.”