Fontán

2015
1445408845FONTAN1.jpg

IX Premio de Narrativa Breve Repsol 2015

Esta novela conta a vida de Domingo Fontán. Desde o seu nacemento en Porta do Conde (Portas 1788) aos seus días finais no balneario de Cuntis (1866). A vida do neno que xogaba nun fragueiro a carón da casa dos pais, a do deputado en Cortes e a do estudante en Compostela, o do liberal represaliado e a do científico atento ás ideas máis adiantadas do seu tempo. A vida do ilustrado, matemático e topógrafo, que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia. A peripecia dun liberal galego que loitou polo progreso durante un tempo convulso no que a ciencia comezaba a abrirse camiño pouco a pouco. Marcos Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato dunha peronalidade extraordinaria. Velaquí unha novela que transmite a mesma paixón polo coñecemento e pola liberdade que move ao seu protagonista.

 

FRAGMENTOS DA OBRA

O Mundo

Así o chamaban todos os nenos no quinteiro de Porta do Conde. Con rotundidade. E cun aquel de temor tamén.
O Mundo.
Logo, cando medraban, non o nomeaban. Mais non o esquecían, non. Quen podería esquecer o Mundo?
Algúns ollábano con nostalxia. Outros incluso se persignaban cando o divisaban ao lonxe.
Impoñente. Inalterable.
O Mundo.
Santuario de xogos. Atalaia. Campo de batalla. Fortaleza. Ara da infancia. Todo iso era. Ou fora. Ou sería.
O Mundo.
Mingos e o seu irmán maior, Andrés, agromaron ao seu pé. O fragueiro quedaba a unha carreiriña de can da casa de don Rosendo e da señora Sebastiana, os seus pais. Dende a cortiña ou o patamal víano sen sequera poñerse nas puntas dos pés.
E a carón do Mundo, o Mundiño. Un penedo máis pequeno e humilde. Coma o acólito dun crego ben mantido.
 
Autoría