Accésit Premio Esquío de Poesía 1992
X. Villamil no prólogo da edición da Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán: “[...]esa lúcida constatación do ‘fuxidío’, esa reflexión do inesgotable sobre o paso do tempo é na que se instala Eva Veiga, tecedora de luces e de sombras, como unha tea que nos descobre a cara visible do tempo, e o seu negativo irrepetible..
Pero non busquedes en ‘Fuxidíos’ ese fatalismo mostrenco de que todo tempo pasado foi mellor. Ó contrario, con lucidez, si, pero con hedonismo, quizais con saudoso hedonismo, Eva Veiga, recupera a paisaxe dourada e brumosa do pasado... e recréase nela.
‘Fuxidíos’ é esa imposible cesta de vimbios -de versos- cos que Eva Veiga peneira a auga do tempo que discorre... retendo por un intre na memoria, a temperatura, a forza e a emoción da vida que se vai... [...]”
En palabra de Francisco X. Fernández Naval: “Quizais xa co seu primeiro libro Fuxidíos, pero dende logo, na miña opinión, dende Paisaxes do baleiro, Eva iniciou un camiño único e singular na nosa poesía. Un camiño que libro a libro a achega ao esencial, despoxando a palabra do innecesario, prescindindo de adxectivación, dicindo o menos posible para suxerir e emocionar máis [...]”