Premio Esquío de Poesía 1984
Memorial de brancura formará parte dunha triloxía sobre o amor e o erotismo con Do desexo en corpo e sombra (1984) e Seivas de amor e tránsito (1984).
Basilio Losada prologa a edición na Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán:“ [...]Un libro de poesía erótica e de poesía sensual, un libro de pensamento e de meditación, de elaboración estética sobre o exercicio do amor. Vaia por diante que Memorial de brancura é un dos máis fermosos libros amorosos que eu teña lido na miña vida [...].
Miguel Anxo Fernán-Vello traballa por devolverlle á linguaxe do erotismo capacidade de persuasión, eficacia aliciante. E, frente á desmesura, cultiva a contención; e frente a conceptualización, cultiva o distanciamento, que desvai os perfís e mitiga esa descortesía que é sempre o exceso de definición. E, sobre todo, non cae o Fernán-Vello na moinería abeatada de encobrir baixo outros nomes o que é sexo. [...]
[...] Hai, pois, unha peculiaridade galega de vivir a sexualidade, pero este peculiaridade non é consecuencia dun destino xenético, senón de feitos culturais, ese medievalismo antes mencionado, o feito de terse integrado o noso país tarde, mal e a medias na civilización burguesa. A poesía de Fernán-Vello é unha reflexión -estética, non erudita- sobre a peculiaridade dun erotismo noso [...] A nota distintiva desta sexualidade galega sería a espontaneidade, a falta dunha concencia de culpa, un íntimo respeto polo goce da sensualidade e os seus símbolos, e a capacidade para transferir a expresión destes datos a unha simboloxía lírica.”
Sobre Memorial de brancura entresacamos estas palabras do Dicionario de Literatura Galega: “Memorial de brancura foi un dos libros máis sinalados nesa celebración do gozo e a sensualidade desde a literatura, porque Fernán-Vello concibe o eros como unha experiencia carnal -que en opinión de Losada é basicamente comunicativa- pero tamén como unha forma de transcendencia, na procura da perfección e dunha eternidade fugaz. O corpo contémplase como un microcosmos complexo no que se proxecta a vida, e de feito este é o motivo central do poemario.”