O fácil que é matar

1998
o_facil_que_e_matar.jpg

O fácil que é matar constitúe a segunda entrega da triloxía sobre a emigración galega contemporánea que Alfredo Conde leva acometendo ao longo da década dos noventa, e continúa a travesía da emigración, dos ires e vires que Blas Carou e Celia Pereira iniciaran en Sempre me matan. O fácil que é matar iníciase cando o avión no que Blas Carou retornaba a Galicia deixou os seus motores ao ralentí, minutos antes de aterrar en Maiquetía, e soubo que a vida que o esperaba debía ser considerada en todos os seus extremos coma un novo descenso ao fondo de si mesmo, ao corazón do lume, esa ardente melancolía que inza sempre a rentes da soidade. A aquela hora, a cinco mil millas, en Compostela, Celia Pereira, a súa dona sentíase unha muller abandonada pero feliz, deambulaba deslumbrante polo vestíbulo do Hotel Peregrina, ateigado de xente engalanada que asistía ao acto de inauguración do cuestionado complexo hoteleiro. Poucos minutos despois, o presidente da Xunta, o alcalde da cidade, o delegado do Goberno central, e varios conselleiros do Goberno galego serían sorprendidos por unha ameaza de bomba realizada polos membros do garga (Grupo Armado Revolucionario Galego). O fácil que é matar proponnos unha mirada aceda e descarnada sobre o exercicio do poder e a actividade política e empresarial na sociedade galega contemporánea, as súas sutilezas, miserias, vaidades e paradoxos.

Autoría