O ladrón de esperma está constituído por cinco relatos de marcado carácter experimental e variado rexistro, que vai dende o exotismo intelectual de Shinju, onde se revisa a tradición do suicidio de mutuo acordo entre dous amantes co fin de probar o carácter xenuíno do seu amor, que se realiza no Xapón, ata o relato O ladrón de esperma, que dá título ao libro, onde se analiza o comportamento sexual humano mimetizado co dos insectos (os traballos científicos relatan que os cabaliños do demo macho teñen o seu pene deseñado non só para fecundar á femia, senón tamén para limparlle a vaxina de xeito que non quede ningún tipo de resto de esperma do macho anterior), pasando por un conto onírico con catro finais posibles, Soño nunha noite de inverno ou a visión bifocal dun acontecemento escoitado en voz baixa durante a nenez polo autor, O tío Filipe; finalmente, Os cabalos da procesión aporta unha versión de cómo se viviron os primeiros días da Guerra Civil española en Compostela. Imaxinado tamén a partir dunha historia incompleta que algún día escoitou Xavier Queipo por boca dun seu ancestro. Xavier Queipo obtivo cos relatos incluídos en O ladrón de esperma o Premio Café Dublín 2000.