O niño de pombas, publicada en 1905, de temática amorosa, esta ambientada na Galiza do século XII, co mosteiro de Carboeiro como pano de fondo da acción. A novela apareceu como folletín de El Correo de Galicia asinada por K. Desenvolve sobre todo unha historia amorosa, ubicada cronoloxicamente no século XII, nos tempos do Arcebispo Xelmírez, e xeograficamente nas terras do Deza e Trasdeza, ao sur do Ulla. Nesta ocasión as referencias históricas si funcionan unicamente como telón de fondo, como escenario en que situar os acontecementos. O que non quita a fidelidade ao dato histórico, con moito menos peso, e a precisión na consignación dos detalles cronolóxicos ou espaciais, como xa é habitual no autor.
O noso cabaleiro seguiu coa súa carreira por un bo anaco, mais logo puxo o cabalo ao paso coma quen quere botar as súas contas ou desenredar algunha maraña que ten no caletre.
E agora, xa que temos algún xeito, diremos algo do carácter da súa persoa. Podía ser un mozo duns trinta anos ou aínda non, branco e rubio coma unha rosa, de ollos azuis, que non sabían estar quedos senón rebulindo de aquí para alí, coma se quixera que nada se lle escapase das súas miradas. Os movementos do seu corpo eran tan súpetos e lixeiros coma os do corzo, e logo encollíase e encartábase e agachábase coma se fora unha donosiña.
Ao que acabou de botar os seus cálculos, puxo outra vez o cabalo ao trote, e nisto saíndo dunha carballeira, atravesou unha pontella formada de dúas lousas estendidas sobre un regueiro, e enxaretouse por un estreito camiño, bastante costaneiro e cerrado a ámbolos lados de dúas sebes feitas de salgueiros e abeleiras. O camiño ía rodeando un alto coto, todo cuberto de arriba a abaixo de vizosas herbeiras, que aparentaban coma un inmenso e floreado tapete, cortado a treitos polas birtas feitas para guiar a auga. A cima do coto era chan como a palma da man, e todo ao redor pola estrema corría un cercado de buxos a modo de balcón, sobordado de treito en treito por moi vistosas roseiras. Mais para atrás, entre uns frondosos castiñeiros, apelumbrábase unha casa ao parecer bastante grande e boa: era a de Ramil; mais el, co ollo posto no sitio por onde lle parecera que vira pasar os dous vultos, e que estaría de alí aínda como un cuarto de légoa, seguiu para diante. Non topou con ninguén que lle puidese dar algunha razón, pois o sitio era bastante solibato e tan a trasmán, que nin por de leve pasaría ningunha persoa, mormente a aquela hora. Só alá lonxe nunha devesa que xa estaba contra Lalín, pispiou algúns homes que estaban esmozando carballos. Chegouse Ramil á devesa, e despois dos saúdos e cumprimentos de adoito, preguntoulle a un home que estaba encima dun carballo, a carón do valo, adoando os cortes da rama que tiña guindada no chan, se vira pasar por alí preto a dous cabaleiros, que ao parecer viñan da Laxe ou de Bendoiro. Respondeu o paisano que habería cousa dunha hora, que vira pasar por un sitio que acenabacoa man, a dous cabaleiros que ían a bo andar, e que non vira a máis ninguén. E aínda máis engadiu, que un dos cabaleiros parecéralle o señor de Donramiro, pero por iso que non o aseguraba. Ramil non quixo saber máis, díxolle adeus, picou o cabalo e deu volta a escape para casa.
Non lle debeu facer bo peito a nova aquela, pois deu en xuntar as cellas e poñerse máis caviloso e de máis malo xesto do que levaba. Parecía que sobre el caera unha nube que lle puxera negros todos os seus pensamentos.
Ao chegar á porta da casa, viña tamén correndo e saltando un raparigo, que entre as dúas mans traía un melriño novo, mostrándollo coma quen di: Mirade o que atopei.
― De onde vés, Vasquiño? —preguntoulle el.
― Veño da devesa da Retorta —contestou o rapaz levantando cada vez máis o paxariño para que o vise mellor.
― E como fuches dar aló tan lonxe?
― Porque me dixeron que había alí moitos niños, e que andaban moitos rapaces a eles. E bo medo que papei!
― E logo, que che pasou?
― Que ao chegar mesmo á Cruz do Matelo atravesaron coma lóstregos dous señores a cabalo, e tal medo lle collín, porque coidei que me ían acañar coma a un can, que me apatoei contra un valo para que non me visen, e estiven para fuxir para casa; pero despois, vaiche boa!, como desapareceron nunha exhalación, seguín para diante. Cando cheguei á devesa xa había moitos pícaros. E con outro que sabía dun niño, fun apoliñando por un carballo arriba, e puiden pillar este merlo.
― E non coñeciches quen eran aqueles dous señores?
― Non señor; só podo dicir que un cabalo era negro, negro, coma o acibeche.
― Coma o cabalo teixo que ten o señor de Donramiro?
― O mesmo.
Vasquiño era un rapaz duns once ou doce anos, fillo duns labradores que o gran Conde de Traba levara para poboar a terra de Toledo cando estaba naquela fronteira co seu pupilo o Rei don Afonso. Nunha entrada que fixeron os mouros levaron cativos aos pais, e o pobre de Vasquiño, que de aquí a pouco aínda non saíra do vurullo, quedou na casa como esquecido. O pai de Ramil, que por casualidade achábase por aqueles sitios, doído do desamparo en que quedaba aquela criatura, recolleuno e tróuxoo para a súa casa. Despois Ramil tíñao coma de paxe porque lle chistaba moito pola súa agudeza e polas súas saídas. Pero volvendo ao caso, cando lle oíu dicir que un dos cabalos era teixo coma o do señor de Donramiro, deu á cabeza e murmurando entre dentes: “Si, o mesmo, non hai dúbida”, meteuse de présa na casa. Percorreu e examinou todos os currunchos como quen recea dalgunha sorpresa, e logo encargou aos seus homes e criados que gardasen ben a casa, que el non sabía cando volvería. E sen máis marchou a escape para xunto de Mariña.