Os brasileiros

1986

Entón si que entrou. Entrou a modiño, con paso idéntico ao que se lle coñeceu durante a vida toda, e ninguén podería afirmar sen mentira que lle escoitou un só salaio nin entón nin nas horas que seguiron. Nin sequera lles botou unha ollada aos besbellizos nos poucos instantes que coincidiron, antes de que as atafegadas mulleres os trasladasen fóra do cuarto mortuorio. Quedou de pe, máis que abatido así como gañado por un desconcerto infindo, xusto o mesmo que tinguiu os comentos da vila, polos que non se chegaba a saber con certeza se a desgracia maior era a morte da muller ou o triple nacemento de fillos, cargas de demasiado peso para un home que, ademais, se vía obrigado a soportar as dúas.

Autoría
Casado, Xoán Manuel (1949) - (2002)