Rasquei a caluga mentres ollaba as sedutoras pernas dunha minisaieira ben acompañada. Unha moi mantida traballadora da banca. Aínda que o de traballadora fose un dicir, claro. As dez en punto da mañá. Unha derradeira esculca de enriba abaixo rematando nas pernas, e axiña andando ó choio. Para quietiño aí, Tom -díxenme-. Calma, calma. Prendín un cigarro sen perder detalle dos dous homes que roldaban a boneca, un par de desgraciados que acabarían a mañá remexendo billetes con aquela femia preto. Porca miseria. Dei unha calada fonda ó cigarro e no medio do fume a nena acadaba un aprobado e ía servida. Esmaguei con arroutos a cabicha, despois erguinme amodiño, fitándoa. Ela, mentres, facía como que me ignoraba, pero iso é difícil. Camiñei cara á saída flemático e duro, chantando ó meu paso unha ollada despectiva.