Premio Esquío de Poesía 1993
“...quen se teña achegado á poesía de Xesús Rábade Paredes atopará en Poldros de música un ton novo, non sei se unha voz renovada, que lle agroma vizoso e alegre en cada encontro co ser amado ou coa súa recordación nos inicios eróticos (‘Que lonxe todo, meu amor, que pouco!’) , ese ti, Terra-Muller, do que non se farta nunca e ó que sempre quere volver para agarimalo, agallopalo e lambelo en toda a súa xeografía, para enchelo de felicidade en cada val ou oquedade, en cada outeiro, en cada monte ou lomba, en cada poro da súa pel, luminosa e aromática en menta e ouarego, táctil e lenturenta, reiteradamente musical, despois dunha longa travesía, de dor e de raiba, de preguntas sen resposta, de indignación e impotencia, que cruzaba con palabras rachadas polos seus libros anteriores a escura xeografía dunha Patria ensombrecida e parda, dunha matria imposible e desleal cos seus fillos na noite dos cabalos do medo, agallopando a parda terra que el amaba e odiaba como poucos poetas teñen amado e odiado ó mesmo tempo.” Palabras de Anxo Tarrío Varela no prólogo da edición na Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán.