Premio Esquío de Poesía 1994
Sobre Rigorosamente humano de Manuel Álvarez Torneiro ten expresado Ramón Nicolás que “Daquela indagaba o autor nas potencialidades da linguaxe e ninguén dubida que o seu traballo enriqueceu a nosa tradición poética. Os asuntos recreados non son rescaldos, antes ben, lume intenso, como demostra o percorrido nítido polos ángulos da memoria e por esa ollada atenta aos vieiros que transitan os silenciados; todo isto sostido coa musicalidade que outorga un acaído e estudado ritmo.”
Na reedición de Tambo, 20 anos despois da edición na Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, preséntase o libro dicindo que “ Rigorosamente humano ergue, cos cachotes do tempo, un castelo onde o corazón aprende a facerse forte. Este poemario é un refuxio de sílabas e de cores, de filmes e de melodías; desde o efémero, certamente, e contra o efémero, asemade [...] Reina nestas páxinas, feramente oceánica e rigorosamente humana, a beleza convocada sempre e máis despois.”