Rosa tántrica

2016
RosaTantrica.jpg

 Luz Pozo Garza regresa á poesía en galego cuns versos retadoresLevan por título Rosa tántrica e publícase no verán de 2016 na Colección Libros do Sarela de Alvarellos Editora. Asistimos a un microcosmos poético moi singular. Afastada de calquera moda ou tendencia, a escritora e filóloga  —nada en Ribadeo en 1922 e autora do seu primeiro libro de poemas hai case setenta anos (Ánfora, 1949)— establece aquí un diálogo con Jorge Luis Borges a partir do relato “La rosa de Paracelso”, onde o escritor arxentino narra a historia do mago alquimista e do seu incrédulo discípulo. Neste conto, Borges afonda na orixe da creación como algo transcendente. Sobre estes vimbios constrúe Luz, ceibe, a súa Rosa tántrica.

 

DEZ ANOS DE TRABALLO  EN 63 POEMAS

É o seu regreso, despois de Deter o día cunha flor (2009), á poesía en galego. Un conxunto de versos nos que a creadora levaba traballando preto dunha década. O libro consta de 63 poemas, estruturados en dúas partes ou “Libros” e trece capítulos.

 

Luz Pozo mergúllanos nun peculiar universo poético no que, por veces, a puntuación xoga cos lectores e a lingua galega atrae como imán termos e xiros do sánscrito, latín, inglés, portugués e castelán.

 

SIMBOLOXÍA BUDISTA

Aquí, a simboloxía budista e o tantra agroman en cada intre: a enerxía positiva de Pundarika, o vieiro cara ao alén da Tábula Esmeralda, o ciclo de vida-morte-reencarnación do Samsara, a pureza da Flor de Loto… Mais tamén os enigmáticos tigres de Borges ou a aparición de filósofos como Carl Jung “aquel sabio que entendía a alma”.

 

A IDEA DE ETERNIDADE A TRAVÉS DA CREACIÓN

Pídenos Luz, dende o seu outeiro vital, que, coma ela, nos enfrontemos á idea de eternidade a través da palabra e da creación. Así de rica e complexa é esta misteriosa e transcendente Rosa tántrica.

 

Esta edición, ao coidado de Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, conta coa colaboración dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que asinan senllos poemas ao final da obra. Así mesmo, Luz Pozo é a responsable da ilustración da capa e dos debuxos interiores.

Autoría
Pozo Garza, Luz (1922) - (2020)