Unha guía sensible, ecolóxica, feminista e cultural da capital de Galicia Outra forma de descubrir unha cidade. De percorrela, sentila e apreciala. Esta guía ilustrada convida a coñecer Santiago de Compostela dun xeito diferente. Unha proposta para viaxeiras e viaxeiros sensibles, que queiran tanto gozar como aprender, ou gozar aprendendo.
Deste xeito, apalparemos a pedra, escoitaremos a natureza, camiñaremos –entre rúas e bosques– a carón de Rosalía de Castro, Federico García Lorca ou Ramón del Valle-Inclán, e sairán ao paso as mil historias que foron construíndo Compostela.
A autora traza Nove Visitas Singulares e logo Catro Itinerarios moi sedutores, un Territorio das mulleres e un Calendario de Árbores, Flores e Festas.
Ademais, inclúense consellos prácticos sobre onde comer ou que doces ou artesanía mercar.
Santiago de Compostela desde dentro é a primeira guía sensible, íntima, diferente, desta sempre viva e nova cidade medieval.