Narra a historia dunha rapaza chamada Cecilia que está apaixonada polas xanelas e que ten a desgraza de que a única que se atopa no seu cuarto está tapiada por tixolos e consólase tan só cun cadro que o seu avó lle pintou do parque que se vía anteriormente dende a súa xanela, no cal se pode recoñecer un tobogán vermello, un bambán azul, unhas nubes e un camiño. O feito de non ter xanela, ten inmersa a Cecilia nun sen fin de pensamentos ao redor do significado destas e o seu vencellamento coa vida. O comportamento da protagonista levará á súa nai a solicitar o apoio dunha psicóloga á que Cecilia rexeita de maneira contundente. Pero unha fotógrafa chamada Olga múdase ao seu edificio e comeza unha grande amizade entre as dúas, a cal axudará a Cecilia a enfrontarse aos problemas vinculados aos seus pensamentos. Grazas a Olga, Cecilia coñecerá a Nubia, unha rapaza tamén vinculada ao seu avó e ao cadro do parque, do cal Nubia será a verdadeira destinataria. Así co transcurso do relato os anceios dos distintos personaxes iranse acadando. A ilustración da cuberta presenta os elementos fundamentais do relato: unha nena e unha xanela. O estilo figurativo empregado para debuxar a cuberta conséguese con trazos expresivos de cores matizadas, que contrastan azuis e terras. No interior todos os capítulos van acompañados dunha fotografía de Olga Seoane en branco e negro, tratada cun filtro que difumina as formas, que representa as diversas xanelas.