Vento ferido

1985
vento_ferido.jpg
FRAGMENTOS DA OBRA

Monólogo

 Se se cabrea que se cabree. A min que. Aguanto i adiós. Vaime matar ou que. Se se cabrea, ala, a beber, a beber i a cantar ou que. Xa sei o conto. Nada de berros nin barullos. Conozo ben o choio. Nin siquera me di borracho, non, ela ben sabe. Abóndalle ai, meu Dios, ai, meus filliños, ela ben sabe. Se se cabrea que se cabree. Ás doce e media non me meto eu na casa. Non me meto non ou que. Vou estar de oito a oito dando clases e logo nada, non, home, non. Veña, que se cabree. Ai, meus filliños, ai, ai que estou canso. Porque un home pódese cansar e despois, bueno, é millor calar porque me estou cansando de ter aí, no primeiro banco ó fillo do Chevrolet, con cara de touciño, porque me estou cansando e un día ponse de rodillas sen máis porque me dá a gana porque estou canso de ver a cara de parvo que ten, que parece un apalominado, me cago nil, que burro, si, que burro, que lle vou decir ó Chevrolet que o poña a cavar ou que o meta nun comercio, que o raparigo non sirve, que é tatexo e non me sabe dividir por decimais, cara de touciño, cara de non sei que que ten o porco ise. E se se cabrea, tamén me cabreo eu, que xa está ben de apandar ou que, que non vai ser sempre día de santo entroido. Veña, que se bebo é á miña conta, que non lle pido a ninguén e se lle pido, millor que se pides, prestan ó oito, que xa podes ter á muller pra dar á luz, que non hai volta, quince mil e ó oito e se non che convén, ós morcegos, a papar vento, que bastante favor din que che fan, que se expoñen, que os recibos ó fin non serven pra nada, que non che van quitar a pel ou que inda que findes na cadea eso non importa, que con ir un á cadea eles non cobran e que se che embargan, o embargo non val o que tiñan que cobrar, que se me cabreo vou coller o vaso e vouno escachar contra o chau e se quero non deixo un vaso san que xa veremos como me arranxo en xaneiro que me vén o quinto en camiño e aínda que traia o pan debaixo do brazo o pan heino mercar eu, ou que. E a algún voulle mandar o vaso á cabeza, que de min  non se ri ninguén nin naceu fillo de nai que me bata; que me estou cansando e vai ser ela, que me estou cansando e cando me canso non respondo, que xa está ben ou que, tanto mirar de esguello ni niño muerto, tanto mirar así, como se non foras xente ou como se non tiveras ollos, que moitos pensan que un é parvo coma o fillo do Chevrolet, que ten cara de touciño, que algún vaise acordar da nai que o pariu. E se lle toca ó fillo do Chevrolet, tócalle, que ten o ángulo facial obtuso de dez grados. Anda, anda, pinta, parvo, pinta un ángulo recto, que non sabes o que é, home claro que non sabes, home claro que non sabes porque tés o ángulo facial obtuso de dez grados, ai, ai, ai, que non o sabes, que ninguén sabe nada, ai, meus filliños, ai, van rematar parvos por falta de vitaminas D ou C e o fillo do Chevrolet e os cen mil fillos de San Luís e os mil lapós de lonxe,da Laponia, do frío, que din que si, que si-se-ñor, que todo está ben, que todo vai ben, que si, que si-señor, e aplaudir así:  plaf,  plaf, plaf, todos, que aplaudan todos, que todo o mundo aplaude, que hai que aplaudir, si, si, si-señor, que a ver se pensan que un é parvo ou que, que un somentes come touciño ou que, ou que un as pasa negras, negrísimas, sen decir que se pasan negras, negrísimas, porque está millor visto decir que se pasan brancas, ai, que se me abre a boca, a... que teño sono, soneiro, sonámbulo, sonámbulos todos, todos: eu e o taberneiro e as vírxenes de oitenta anos histérico sonámbulo perdidas e os perdidos, sonámbulos tamén, ai, sonámbulos os meus filliños, ai, que meu home é un perdido, pero non o di, eso non o di, ai, que non o di, que non o di, frere xaque din, din don, que non o di que non o vin, pero dixéronme que si: gallegos y animales ou algo así, o carteliño da estación de Madri i i i, Pi i i i, que estou trompa e que, se son de provincias e que, porque ó millor non somos xente e temos o ángulo facial obtuso e falta de vitamina D, algún vaise acordar de min e do chotis e agora voume porque quero e non me manda ninguén porque son y son y son unos fanfarrones faraones, ones, ós, millós, que son cousas da fonética, ai, ai, ai, a fonética, ética, estética, dietética, cosmética. Voume. Unha, dúas, tres...

Autoría