Creado na Coruña en 1919, foi unha iniciativa das Irmandades da Fala. O seu percorrido abrangue o período 1919-1922. O CNAG dependía da Irmandade coruñesa. Estivo dirixido por Fernado Osorio e Antón Villar Ponte, quen forneceu textos e traduccións. Contou coa participación de actores afeizoados como Víctor Casas ou as irmás Tereixa e Micaela Chao. O CNAG fixo o seu debut o 22 de abril de 1919, coa obra A man de santiña de Cabanillas. Peña Novo presentouno así: "quere ser base, preparación para o advenimento de bos autores e competentes actores que lle abran ó noso teatro amplio campo para un éisito trunfal". A partir de setembro de 1919, o CNAG inaugurou a primeira "tempada teatral" galega: tódolos domingos ao serán representaba no seu local unha ou varias pezas, con intermedio musical incluído. O salto cuantitativo fíxose evidente: se en 1917 o número de obras galegas escenificadas apenas chega á ducia, en 1919 ascende a un total de 52. Xenaro Mariñas afirma que este Conservatorio "montou canto texto galego había naqueles momentos, e ainda botou mao dalgún portugués". Ora ben, as tensións no seo do nacionalismo (escisión nas Irmandades, 1922), provocan a paralización momentánea do Conservatorio. Terien lugar entón profundos cambios: afastamento dos Villar Ponte, abandono do director Osorio, asumpción do posto por Leandro Carré, entrada de novos actores, cambio de nome... Desde 1922 o Conservatorio pasou a denominarse "Escola Dramática Galega". Con todo, o máis significativo foi a "involución" que o cadro experimenta no tocante ao repertorio, composto agora por obras dos autores rexionalistas (Lugrís, Galo Salinas), do propio director Carré e dos autores costumistas (Lameiro, Charlón e Hermida). Sintomática é a desaparición do repertorio da Escola das pezas de Antón Villar ou Xaime Quintanilla, adheridos á I.N.G. Esta Escola, di Víctor Casas (EPG, 1926), "durante cinco anos realizou unha laboura formidabre". Entre outono de 1922 e xuño de 1923 celebrou un total de 26 veladas. Esta Escola tería desaparecido en 1926, segundo a versión que ofreceu da súa historia o propio Carré.