A Nosa Terra foi un xornal en galego fundado e editado na Coruña, o 4 de agosto de 1907. Vinculado ao Rexionalismo galego, a través da organización política Solidaridad Gallega.
Entre 1916 e 1932 saíu, de novo á rúa, como expresión do ideario das Irmandades da Fala. Dirixida no comezo por Antor Villar Ponte e, logo, por Víctor Casas, a periodicidade d’ A Nosa Terra abalou entre o mensual e o quincenal e a tiraxe acadou os 2000 exemplares contra 1917. A Nosa Terra, monolingüe galego, ensarillou política e cultura nunhas páxinas que sufriron persecución e censura durante a ditadura de Primo de Rivera. Coa chegada da II República, A Nosa Terra virou maiormente cara á información política e rematará, en 1932, mudado en voceiro do Partido Galeguista.
De entre a prensa nacionalista a cabeceira máis importante era A Nosa Terra (1916), que, nesta segunda etapa, será o órgao das Irmandades da Fala, escrita xa integramente en galego. O seu director foi Antón Vilar Ponte, quen deixará o cargo coincidindo practicamente coa escisión no seo do nacionalismo galego, na Asemblea de Monforte (1922). Desde aquí até o golpe de estado fascista a persoa clave foi Victor Casas, o seu derradeiro director e destacado dirixente do Partido Galeguista, asasinado o 12 de novembro de 1936. Na opinión de Margarida Ledo Andión, pretendía dirixirse, de xeito moi especial, á pequena burguesía ilustrada, como se pode comprobar nos chamamentos feitos aos anunciantes. A temática é variada, desde a política até cuestións relacionadas coa cultura e a educación, pasando por aspectos económicos, sociais e organizativos. Con todo, coas súas páxinas submetidas á censura militar desde maio de 1924, vese obrigada a baixar a súa periodicidade e renunciar ao seu carácter político até 1930. A problemática agraria ocupa un lugar destacado na publicación: deféndese a desaparición dos foros, os consumos e as rendas. Pídese a modernización de Galiza e a consecución dos seus dereitos políticos, desde un antilocalismo manifesto, ao entender a Galiza como nación. Loxicamente, a cultura foi un capítulo importante, prestando especial atención aos temas educativos. Nas súas páxinas publícanse normas ortográficas e sínteses xeográficas, reivindícanse Facultades de Ciencias ou Filosofía, promóvense as "Escolas do Insiño Galego", escríbese sobre arte, teatro, música, poesía, e mesmo fanse traducións e adaptacións de escritores como Tagore, Gorki, Ibsen ou Eça de Queiroz
N' A Nosa Terra colaboraron case todos os intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século XX: Manuel Lugrís Freire, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Ricardo Carballo Calero, Leandro Carré Alvarellos, Castelao, Evaristo Correa Calderón, Xosé Filgueira Valverde, Gonzalo López Abente, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio, Xaime Quintanilla, Luís Peña Novo, Luís Porteiro Garea, Aurelio Ribalta, Vicente Risco, Xoán Vicente Viqueira, Ramón Suárez Picallo, Xohán Antón Suárez Picallo.
O 17 de xullo de 1936 saíu o derradeiro número d' A Nosa Terra.