O Anuario de Estudos Literarios Galegos foi unha revista científica de carácter crítico literario publicada anualmente en galego co respaldo da Editorial Galaxia. Comezou a súa actividade en 1992 baixo a dirección de Xoán González Millán manténdose activa até o ano 2007. En 2003, co pasamento de Xoán González Millán a finais do ano anterior, a revista inicia unha nova liña editorial baixo a dirección de Dolores Vilavedra. A revista nace como xustificación aos estudos sobre sistemas e protosistemas literarios iniciados por Xoán González Millán e Arturo Casas Vales en base a Teoría dos polisistemas de Itamar Even-Zohar.
O Anuario de Estudios Literarios Galegos sufriu a existencia de dúas etapas: a primeira dende 1992 até o 2002 e a segunda dende o 2003 até o 2007. Ambas as etapas foron xustificadas no primeiro volume de cada unha por parte dos seus respectivos directores, Xoán González Millán e Dolores Vilavedra. Foron eles os encargados de explicar os motivos da creación da revista.