Céltiga (*) Editorial

1922, Revista, Ferrol

A editorial Céltiga deu comezo, en marzo de 1922, a edición da "Novela mensual ilustrada" Céltiga, da que sairían tan só trece títulos. Ao igual que acontecerá coa colección Lar, debemos entender aquí o termo novela no seu sentido italiano de "novella", isto é, novidade ou relato breve. A pretensión de facilitar a un amplo público obras de literatura escolleita debeu ter certo éxito. Nunha nota da redacción titulada "Aos nosos leutores", aparecida no número 3 da colección, dise:

    "Céltiga está sendo o máis grande éisito literario de Galicia. Abonda con decire que o número primeiro esgotouse compretamentes e que, aínda dupricando a tirada, vai pol-o mesmo camiño o número dous".

O certo é que, fose como for, a partir do número 4 perde a periodicidade mensual e en setembro anunciábase o número 14, A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán de Vicente Risco, con ilustracións de Castelao, que xa non vería a luz.

A colección abrírase con Saudade de Xaime Quintanilla, e a eta seguiríanlle outros títulos de variados xéneros e de diferente valor, entre os quecabería destacar Un ollo de vidro. Memorias d'un esquelete de Castelao, no número 7, que aparece aquí por primeira vez en libro, se ben xa fora publicado, en 1920, por A Nosa Terra. Por último, salientar dous feitos especialmente importantes: dunha parte a colaboración artística dos máis destacados debuxantes e pintores do momento para a realización das portadas. Trátase dun grupo de persoas que viñan participando en todas aquelas iniciativas postas en marcha polo nacionalismo galego: Castelao, Fernández Mazas, Imeldo Corral, Camilo Díaz Baliño, Farruco Lamas, etc. Doutra parte, todos os autores que colaboraron na colección Céltiga xa tiñan obra anterior publicada e algúns deles eran e seguen sendo figuras de obrigada referencia na nosa historia literaria (Castelao, López Abente ou Antón Vilar Ponte).

O seu director era Xaime Quintanilla, e do seu Consello de Administración formaban parte Ramón Vilar Ponte, Fiz Álvarez do Castelo e Manuel Morgado. A partir de marzo de 1922 a editorial pon en marcha unha colección de novela curta de carácter periódico, "Céltiga", da que sairán trece números.