Homeoteleuto

O homeoteleuto consiste na repetición dunha terminación igual en palabras próximas. A diferenza da rima non segue un esquema regular.

EXEMPLOS

 Vemos fuxir o vento lento
a tarde ten un nome inaccesible coma un pano
pra despedir a vida

e na historia pechada pode escribirse o tempo

con signos que semellan sombras case extinguidas.

   Vemos fuxir a pomba comba

en Vigo. Nun intre a vida pasa

chove inmisericorde polas rúas

no medio da cidade apágase unha lámpada

o legado do outuno recupera a linguaxe

da camelia enlutada.


   Vemos fuxir a morte morte

nun espacio violeta impenetrable

cando a luz abolida na textura da pedra

se volve mesta e xeme.

   Vemos fuxir o corvo torvo

abatido no tempo que vai á nosa beira

alguén guinda unha túnica no fondal dos teus ollos

materia escura pra medir a vida

forma de nada e pranto

fábula esvaecida

iso que vai marcando a nosa teima

iso que vai desfigurando as formas

iso que vai deixando liñas como degoiros

e que chamamos morte cando chega

e que chamamos morte cando pasa.